Este domingo temos unha nova cita no Vero Boquete, onde celebrar Samaín, desfrutar da ponte e dun gran partido entre dous equipos da zona alta da clasificación. Compos e Gimnástica Segoviana vanse ver as caras por primeira vez na historia co gol e o espectáculo asegurados. Dous rivais directos con so dous puntos de diferenza.
Mal sen a súa xente.
A Gimnástica Segoviana chega a esta Segunda RFEF logo de participar na Segunda B ata en tres ocasións ao longo da súa historia, compartindo grupo cos galegos en dúas tempadas. Un equipo que, na categoría de bronce, nunca foi quen de asinar a permanencia e ao que xogar na nosa terra non se lle dá de todo ben, gañando só en Cerceda en 2018.
O equipo castelán chega a este enfrontamento na sexta posición con 12 puntos, deixando atrás uns postos de promoción de ascenso con moitos pretendentes. Un equipo que suma 3 triunfos e outros tantos empates e que so caeu en dúas ocasións, na primeira xornada e a pasada fin de semana. Ademais, hai que sumar que é un dos equipos con máis goles a favor, con 10, e que encaixou o mesmo número de tantos, deixando a súa porta a cero en dúas ocasións.
En Segovia, só o Pontevedra foi quen de puntuar este curso, caendo os locais por primeira vez na casa en seis meses. Non obstante, lonxe non suman de tres dende abril, na segunda fase da tempada pasada en Palencia. Nesta tempada, tres empates e unha derrota, en Adarve con goleada incluída.
A nivel individual hai que destacar a Szymanowski. O arxentino chegou este verán á Gimnástica procedente do Recreativo de Huelva logo de cinco anos no Leganés, sendo importante no seu equipo en Primeira mentres o respectaron as lesións, que o levan deixando sen esa importancia nos seus equipos os últimos anos. Ademáis, Javi Borrego estaba a ser o principal perigo en ataque con 3 goles antes da lesión que o terá fóra dos terreos de xogo ata xaneiro polo menos.
Un gran comezo.
Oito xornadas suma xa o Compos de Rodri sen perder, convertíndose así na xeira máis longa na Segunda B no comezo. Un gran arrinque que mantén ao equipo entre os postos máis altos da clasificación e con vistas ao primeiro posto, ocupado polo Unión Adarve dende a xornada 4, aínda que con opcións de deixar esa parte privilexiada en caso de perder.
Unha derrota que, malia ser posible, apunta a ser complicada dadas as complicacións do equipo segoviano a domicilio, algo que aumenta co gran número de baixas co que viaxarán, e os problemas para gañar ao Compos nun dos mellores campos da categoría. Un campo onde o último en gañar foi o Marino de Luanco a pasada tempada e do que só o equipo asturiano, que puido saír vivo, e Bergantiños conseguiron sacar un punto este curso e no que non perden os nosos por máis dun gol de diferenza dende a 2018/19.
En canto aos equipos castelán-leoneses que visitaron o Vero Boquete nos últimos anos, só o Numancia foi quen de sumar de tres, na segunda fase do curso pasado. A anterior derrota data de 2016, contra o filial do Valladolid e só o Real Ávila foi quen de rachar unha xeira branquiazul despois de 9 partidos.
Cara e cruz.
A pasada xornada remataron dúas series, unha positiva no caso dos segovianos e outra negativa no dos galegos. E con isto, imos comezar polo que pasou en Asturias. O Compos visitaba o Pepe Quimarán, un campo de herba artificial e con dimensións inferiores ao habitual. Un partido no que apareceu a mellor versión de Pablo Durán anotando dous goles, o primeiro a pase de Roque e o segundo de Parapar. Por contra, a parte negativa foi outro gol encaixado por Pato que poñía o empate no marcador.
Por contra, a Gimnástica Segoviana recibía a un Pontevedra en ascenso. O xogo durou dez minutos, o mesmo tempo que tardou o conxunto granate en marcar dous goles e deixar encamiñada a vitoria. Un triunfo polo que pagou un alto prezo o equipo de Ángel Rodríguez coa lesión de Rufo, peza fundamental no gran momento que atravesa o cadro de Pasarón e que estarán sen o dianteiro, polo menos, un mes.
Só unha baixa.
A enfermaría branquiazul empeza a baleirarse. Fer Beltrán e Baleato, baixas nas últimas semanas, poderían estar xa ás ordes de Rodri este domingo. Xa recuperados, coa alta médica dende a semana pasada e adestrando co grupo, so falta que volvan coller o ritmo dos seus compañeiros para competir polos postos no once titular. Por contra, só Jordan é baixa segura unha semana máis nunha lista na que terá que haber dous descartes máis para completar a convocatoria.
Toca madrugar.
Esta fin de semana toca cambio de hora e madrugar. O Compos xogará por primeira vez este curso ás 12 da mañá despois de facelo contra o Salamanca no final da primeira fase o curso pasado, nun partido que acabou en empate a un gol. O mesmo resultado chegaría tamén no anterior partido á mesma hora, contra a UD Ourense con Pato na portería visitante. Por outro lado, a última vitoria chegaría en 2018 contra o Ourense CF nun partido no que marcaría Primo e a última derrota, en xaneiro de 2014 contra o CD Ourense, nun partido no que marcaría Jimmy.
Nesta ocasión, aproveitando a ponte e que, ademais, é Samaín, o clube aproveita para sacar unha promoción pola que os menores de 18 anos que asistan disfrazados poderán entrar de balde. Se non, as entradas terán un prezo de 20 euros para adultos e 10 para menores en Tribuna e 15 e 5 en Preferencia.
Para que non poida asistir, poderá verse a través da TVG2 así como seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitarse por 'Esedé Radio', en Twitch.

Ningún comentario:
Publicar un comentario