Segunda xornada de liga, oportunidade de facer aínda mellor o punto conseguido en Pasarón e volve a liga ao Vero Boquete. Unha gran cita contra un recén ascendido que se estrea na antiga categoría de bronce e que comezou con gran pé. Un Palencia Cristo Atlético que xa sabe o que é gañar a un rival galego na súa casa e que quere seguir polo bo camiño na súa primeira visita a Santiago.
Á terceira chegou a vencida.
Fundado en 1985, o Cristo Atlético pasaría os seus primeiros anos de vida polo fútbol rexional ascendendo á Terceira división en 2004. Un pequeno paso pola cuarta categoía que só duraría un ano para volver en 2007, sen conseguir tampouco a permanencia, e asinando o seu terceiro ascenso en 2010, neste caso con máis sorte.
Non sen sufrir, conseguirían permanecer na Terceira castelá durante anos mellorando notablemente na campaña 2016/17 conseguindo, por primeira vez na súa historia, meterse entre os catro primeiros. Na fase de ascenso superarían a un Avilés contra o que se medirán tamén este curso, pero caerían na segunda fase, a penaltis, contra o filial do Alavés. Unha caída que só provocou que tomasen con máis ganas a seguinte campaña mellorando ese cuarto posto e acabando terceiros por diante dun Salmantino que ascendería en San Lázaro. Pola súa parte, o cadro morado quedaría fóra na primeira fase a mans do Orihuela.
Farían falta tres tempadas máis para que o equipo se metera de novo entre os postos máis altos, arrasando na primeira fase e sacando nove puntos de vantaxe ao seu principal perseguidor no grupo. Na segunda fase farían valer esa diferenza de puntos para manterse no alto acabando segundos e conseguindo, á terceira, o tan desexado ascenso que devolve o fútbol nacional a La Balastera 9 anos despois.
En canto ao equipo, trátase dun conxunto con 11 caras novas neste mercado, con moita xuventude, con moitas ganas de triunfar nunha nova categoría e con só tres que a pasada tempada puideron despedir á Segunda B no campo. Entre eles, Alfredo Sualdea, recén chegado do filial do Mirandés, e autor dos dous primeiros goles da tempada.
O máis novo en inaugurar a conta.
A pasada xornada deixounos ao xogador máis novo, e primeiro nado neste século XXI, en marcar un gol coa camisola do primeiro equipo do Compos. Pablo Durán estreouse ao grande e, ademais, fíxoo en Pasarón asinando un empate moi importante co que arrincar do mellor xeito esta nova tempada.
Antes, nun moi mal primeiro tempo do Compos no que Pato salvou ao equipo de chegar ao descanso cun resultado aínda máis desfavorable. Aínda así, Charles foi quen de bater ao porteiro uruguaio antes dos dez minutos de xogo.
Pola súa parte, en Palencia, o Cristo Atlético superou ao Coruxo nun partido onde os vigueses comezaron mellor adiantándose no marcador grazas a un gol de Gallego en propia porta. Non obstante, os palentinos conseguiron meterse rápido no partido igualando o resultado antes do tempo de lecer e asinando a remontada no segundo tempo con dous goles de Alfredo Sualdea.
Pasaron 12 anos.
Se ben é certo que estamos ante a primeira vez na que o Compos se enfronta ao Cristo Atlético, si que o fixo antes contra outro equipo da cidade. O Palencia, equipo refundado en varias ocasións, visitou por primeira vez Santa Isabel en 1972 conseguindo o triunfo e fíxoo por última vez, nesta ocasión en San Lázaro, en 2009.
Entre un partido e outro, pasaron moitos anos e 16 citas, 8 delas en Santiago, con clara cor morada. E é que os palentinos foron quen de gañar un total de 7 partidos mentres que os nosos sumarían 3 triunfos completando isto con 6 empates.
En Santiago, 2 vitorias para cada equipo e 4 empates asinando o último triunfo os nosos alá por 1991, curso no que o Compos deixaría a Segunda B para chegar ao fútbol profesional por primeira vez na historia.
Moito tempo se ver gañar.
A pasada tempada foi un tanto curiosa. Coa metade dos partidos acabando con empate, o Compos non foi quen de gañar un partido no Vero Boquete dende finais do mes de xaneiro. Máis de sete meses pasaron dende aquela data e, esta fin de semana, chega a oportunidade de rachar con esa mala xeira de resultados que nos deixaron 3 empates e 3 derrotas nun final de liga onde só se puido celebrar un triunfo máis, o conseguido en Pasarón grazas ao gol de Miki.
Non obstante, estes 7 meses e 12 días, tempo que terá pasado ata o vindeiro domingo, non é a peor xeira na que se meteron os nosos na casa. Non obstante, non hai que ir moito máis atrás para atopar á peor xeira negativa en San Lázaro xa que entre maio de 2009, no partido contra o Atlético Monzón, e marzo de 2010, gañando por fin na casa despois de 10 meses e 4 días ao Racing de Ferrol nunha das peores tempadas da historia do clube en canto a resultados.
Dez anos puntuando.
O primeiro partido do Compos na casa adoita deixar un bo sabor de boca e, sobre todo, un gran resultado. E é que os nosos non perden no seu primeiro partido na casa dende 2010, cando o fixeron en Preferente fronte ao Betanzos por un contundente 0-4.
Logo daquela derrota, o equipo non deixou de sumar nas súas seguintes estreas diante da parroquia branquiazul superando a Dubra, Dorneda, Coruxo, Burgos, Peña Sport, Ribadumia, Silva, Lugo B e Somozas e empatando, o pasado ano, contra o Deportivo. Dez anos cun total de 25 goles a favor dos nosos e só 4 en contra, deixando a portería en ata 6 ocasións.
Baixa importante.
A primeira xornada deixounos a primeira lesión importante desta tempada sendo, ademais, a dun xogador chave. Jimmy volveu de Pasarón cunha rotura muscular no vasto medial da coxa dereita e estará tres semanas de baixa perdéndose as seguintes xornadas de liga. Coa súa baixa, todo apunta a que Roque ou Matías Vesprini ocuparán o seu posto cubrindo a súa ausencia.
Aumento de aforo.
Na mesma semana que o clube anunciou que se superaron os 750 abonados, a Xunta anunciou un aumento de aforo para os estadios galegos de ata un 60% de capacidade. Con isto, todos os abonados poderán acceder sen problema este domingo ás 17 horas e haberá entradas dispoñibles nas billeteiras o mesmo día do partido, dende unha hora antes, unicamente para a bancada de Preferencia a un prezo de 15 euros. Por contra, os menores, a diferenza de anos anteriores, tamén terán que pasar por caixa pagando 5 euros por entrada. Outra diferenza é que non haberá que presentar a declaración responsable na porta de entrada sendo suficiente o abono e o DNI.
Por contra, para quen non poida asistir, o partido poderá verse a través da segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario