As despedidas seguen en 'Casa Compos' por segundo día consecutivo e hoxe toca dicir adeus a un dos xogadores con máis calidade do equipo. Bicho non acepta a oferta de renovación e deixa o clube despois de tempada e media, logo da súa volta a San Lázaro a comezos do pasado 2020. Un futbolista que marcou as diferenzas no centro do campo e que foi unha peza chave para acadar o ascenso á Segunda B e a permanencia na categoría.
Bicho volveu ao Compos hai ano e medio e puido xogar ata 7 partidos na tempada anterior entre liga e fase de ascenso, baixando ese número de partidos por mor da pandemia. Nese tempo tivo a oportunidade de marcar un gol na súa volta a Abegondo e acabar, inxustamente, expulsado. Na pasada tempada, o sadense tivo a oportunidade de xogar outros 21 partidos máis, estreándose contra o Guijuelo tanto sobre o verde, saíndo como suplente, coma como goleador anotando o seu único gol da tempada.
Agora só queda darlle as grazas por todo e desexarlle toda a sorte para o seu futuro.
Só queda Guille Torres.
Libre dende o día 1 deste mesmo mes, Guille Torres ten unha oferta de renovación sendo o único que aínda non se pronunciou. O central catalán, que dixo querer pechar a súa etapa 'sub-23' nun filial, aínda segue sen equipo e a súa marcha aínda non está confirmada sendo a única dúbida neste sentido.
Por outra parte, o equipo 21/22 xa conta con 15 xogadores á espera de máis reforzos que poderían chegar nos vindeiros días para comezar unha pretempada que xa conta con dous partidos confirmados, recibindo ao Lugo no Vero Boquete o 28 deste mesmo mes.

Ningún comentario:
Publicar un comentario