A última renovación

 Esta mañá eran oficiais as saídas de Bicho e Soto por parte do clube e horas despois contamos xa coa derradeira renovación deste verán. Guille Torres non esperou máis e asina o seu derradeiro contrato 'sub-23' coa Esedé para sumar unha segunda tempada no centro da defensa acompañando a Álvaro Casas e aos irmáns Seoane. 

 Guille Torres, xogador formado nas bases de Real Madrid e Espanyol, chegou a Santiago procedente do Don Benito. Debutou no Reina Sofía no lugar de Soto nun partido onde ningún puido deixar unha boa imaxe, nunha derrota complicada e que o deixou fóra ata a segunda volta, sendo un troco para perder tempo contra Depor e Guijuelo. Volvería ser titular de novo contra Unionistas, neste caso no Vero Boquete, deixando, agora si, unha boa versión. Un bo partido que lle abriu a porta a ser o terceiro central xogando un total de 12 partidos, 10 como titular. 

 Calidade e seguridade para un central con boa saída de balón que quedou ás portas dos 900 minutos en total pero gañando a oportunidade de ser unha das pezas importantes neste primeiro proxecto de Rodri. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario