Hai unhas semanas, Parapar deixaba o fútbol suízo para volver á súa terra e xogar no Compos. Hoxe, dende Grecia, chega Jordan Domínguez. O xogador de Salvaterra, formado na base do Celta, volve a Galiza cinco anos despois. Un futbolista con gran calidade, con moita experiencia na Segunda B e experiencia no estranxeiro,
Formado nas categorías inferiores do Celta, estreouse na categoría de bronce co filial en 2013 compartindo vestiario co xa ex xogador branquiazul Soto así como Borja Iglesias, Kevin, Rubén Blanco e Iván Villar entre outros nun gran equipo. Nesa campaña xogaría un total de 438 minutos en 7 partidos. Unha experiencia que aumentaría nas dúas seguintes campañas no filial celeste acabando con 65 partidos e 9 goles.
De Vigo pasou a Toledo, onde xogaría 36 partidos nunha única tempada debutando na Copa do Rei, superando dúas fases e caendo contra o Villarreal, e chegando á fase de ascenso á Segunda división, onde quedaron eliminados a mans do Atlético Baleares. Sumaría outros 3 goles á súa conta, todos na liga e pasaría ás filas do Real Murcia nese mesmo verán, onde xogaría 23 partidos e anotaría un gol.
Carreira internacional.
Logo do paso polo Murcia, probaría sorte lonxe das nosas fronteiras. Máis exactamente, en Finlandia. No Helsinki da máxima categoría do fútbol finlandés participou en 13 partidos entre liga e fase previa da Europa League antes de volver ao fútbol español en 2019 para xogar a segunda volta no Conquense. Unha tempada na que sumaría outros 10 partidos máis.
E de Cuenca, de novo ao estranxeiro. Jordan deixaría o fútbol español en 2019 para xogar as dúas últimas tempadas nas filas do Niki Volos da segunda división grega. 31 partidos e 4 goles en algo máis de 2.000 minutos.
Unha fichaxe importante para cubrir as baixas na zona de ataque e pelexar por un posto nese centro do campo moi poboado. Asina por dúas tempadas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario