Chega dende Euskadi

 O Compos 21/22 segue tomando forma e hoxe puidemos coñecer á última incorporación polo momento. Antonio Salado, extremo zurdo, asina por unha tempada coa Esedé sendo así a súa primeira experiencia lonxe da súa terra. Vasco de 24 anos, formouse nas filas do Athletic Club e procede do Portugalete, co que xogou practicamente todos os partidos do pasado curso.

 Formado na base do Athletic Club, comezou a súa carreira senior nas filas do Basconia, segundo filial do cadro bilbaíno. Unha primeira tempada na que só puido xogar un total de 9 partidos anotando 4 goles na Terceira división. O seu bo facer levouno ao Bilbao Athletic co que xogou 31 partidos na Segunda B anotando 2 goles e co que tamén tería a oportunidade de xogar a Premier League International Cup sumando 3 aparicións máis. Mesmas competicións pero quedando en só 16 partidos na súa segunda campaña no filial cun gol contra Unionistas. 

 A pasada tempada deixaría o Athletic para xogar no Portugalete na derradeira Segunda B da historia. Unha tempada na que xogaría 29 partidos entre liga, fase de permanencia e Copa do Rei, onde daría unha asistencia contra o Levante. Nesas citas sumaría 1 gol máis á súa conta particular. 

 Agora, o de Sestao chega ao Compos e asina por unha tempada para ocupar o posto que quedou libre coa saída de Juampa. Benvido! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario