Hugo Sanmartín seguirá deixando mostras da súa calidade no Vero Boquete ao que chegou hai un ano. O extremo vigués asina por un ano máis logo de acadar o ascenso á Segunda B, á que volve logo de catro anos na Terceira galega. Un futbolista con experiencia e gol que axudará moito a conseguir o obxectivo da permanencia nunha categoría de bronce da que aínda non se saben moitas cousas.
Hugo chegou a Santiago cunha longa experiencia na Terceira división. Logo do seu paso polas filas do Ciudad de Santiago, Arosa, Choco, Boiro e Arenteiro, aos que sumar Pontellas e Gondomar en Preferente e o Coruxo nunha Segunda B onde xa sabe o que é ver portería facéndoo en dúas ocasións. Un xogador que no Carballiño conseguiu un total de 14 goles abrindo definitivamente as portas do Vero Boquete.
En Santiago, nun ano complicado e ilusionante, xogou un total de 19 partidos de liga aos que engadir minutos nos dous da fase de ascenso e contra Arandina na Copa RFEF, onde vería portería. Un futbolista que comezaría o seu camiño pola Esedé lesionado e que debutaría fronte ao filial do Deportivo. Ademais, sería protagonista no partido de liga contra o Ourense CF cun gran gol e abriría a vitoria contra o Somozas, ademais de anotar outro na goleada en Calabagueiros. Na fase de ascenso tería algúns minutos contra o Barco e sería titular na final sendo un perigo constante pola banda.
Agora, xa só faltan por coñecerse as renovacións dos irmáns Seoane Mella, Primo e Queiruga. Pola súa parte, todo apunta a que Alberto seguirá cedido un ano máis no Noia, ao que chega tamén Pedro Leis.

Ningún comentario:
Publicar un comentario