Por terceiro ano consecutivo, Miki Villar será xogador do Compos. O de Nigrán renova por un curso coa misión de ser un fixo pola dereita nunha Segunda B na que xa se estreou vestido de granate ata en dúas campañas diferentes. Un futbolista que se convertiu nun fixo nos plans de Yago Iglesias dende a súa chegada sumando xa máis de 4.000 minutos nas dúas últimas campañas entre todas as competicións.
Miki comezou a súa carreira senior nas filas do Rápido de Bouzas alá polo ano 2013 na Terceira división. Chegaría, ademais, o seu primeiro gol na categoría na Magdalena, contra o Racing Vilalbés. Curso de aprendizaxe, sen moito tempo de xogo, que deron paso a un segundo onde xa foi habitual no equipo aurinegro superando os 2.000 minutos e anotando un total de 6 goles que serviron para sumar 8 puntos.
Un ano máis tarde, pasaría a formar parte do Pontevedra, co que se estrearía na Segunda B en escasos minutos e pasando, na segunda volta, ás filas do Rápido de Bouzas co que xa non tería tantas oportunidades no once titular. O mesmo pasaría o ano seguinte, tamén de granate, sen moitas opcións de xogo pero aprendendo nunha categoría superior.
De volta á Terceira división, formaría parte do Boiro co que xogaría, e gañaría, no Vero Boquete. 3 goles en máis de 2.000 minutos que lle abrían as portas do novo campión da categoría. Un Compos co que sería terceiro na súa primeira tempada con máis de 2.800 minutos de grandes voos pola banda dereita e asinando goles moi importantes tanto en liga coma na Copa. Algo menos de tempo puidemos gozar do seu fútbol nesta última campaña na que marcou 3 goles, dous deles no triunfo fronte ao Alondras da primeira volta.

Ningún comentario:
Publicar un comentario