25 de xullo, día grande de Galiza. Estadio de Balaídos. Minuto 68 de partido e penalti a prol do Compos. Un gol e aguantar sería suficiente para acadar, á terceira, un ascenso máis que merecido. Pablo Antas coloca o balón no punto, colle impulso e non perdoa ante Parra. O lugués asinaba o gol que confirmaba a volta da Esedé á Segunda B e agora, dúas semanas despois, confírmase que volverá a unha categoría que deixou para probar sorte na capital galega.
Pablo Antas comezou a súa carreira deportiva en Lugo, na casa, debutando co primeiro equipo na Segunda B, onde tería minutos durante os dous primeiros anos da súa etapa senior sendo parte do equipo que perdería contra o Alcoyano na final polo ascenso á Segunda división. Logo diso, pasaría unha tempada polas filas do Órdenes e outra polo Cerceda antes de chegar ao Somozas, onde sería un fixo na mellor etapa do equipo da Ferrolterra. Sería no seu primeiro curso cando conseguiría o ascenso á categoría de bronce e na que pasaría outros tres anos máis nos que quedaría ás portas dos 6.000 minutos en total anotando un total de 8 goles. Posteriormente pasaría polas filas do Bergantiños, onde sería subcampión de liga, e asinaría polo Rápido de Bouzas onde caería de novo á Terceira.
Logo do descenso, pasou a ser unha das pezas desexadas por Yago Iglesias. Chegou a Santiago e fíxose cun posto no once titular do que sería difícil sacalo. De feito, pasou de non poder ir convocado por sanción a ser titular nos dous partidos da fase de ascenso en canto se lle sacou o castigo. Tal foi así que anotou un gol que serviría para acadar o ascenso. Tamén sería o autor do gol grazas ao que o Compos faría os tres puntos no Vero Boquete fronte ao Alondras na segunda volta e autor do segundo tanto na goleada histórica en Calabagueiros. Unha peza fundamental nos plans de Yago e que continuará, polo menos, ata 2022 mantendo un bloque moi importante e con gran calidade para unha volta tan desexada como esperada.
A segunda fichaxe, moi preto.
Logo da chegada de Borja Rey, o Compos ultima a fichaxe doutro dos grandes do fútbol galego nos últimos anos. Juampa Barros volvería á cidade onde se criou, á que chegaría dende a Arxentina natal, e na que se estreou no fútbol, na base do Conxo. Ata agora nas filas do Ebro de Segunda B, chegaría a Santiago con experiencia na Segunda B para ser unha parte importante do proxecto formado por Yago Iglesias e Manu Castiñeiras. Podería ser oficial en cuestión de horas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario