Reforzo de banda

Era un segredo a voces por todos xa esperado. Juampa Barros volve a Santiago, onde se iniciou no mundo do fútbol, logo dun ano nas filas do CD Ebro da Segunda B e unha boa carreira que, aos seus 26 anos, lle permitiu pasar por equipos coma Fabril, Racing de Ferrol, Boiro ou Coruxo.

Juampa Barros, nado en Buenos Aires, chegou a Santiago con só 4 anos e comezou na capital galega a súa carreira na base do Conxo para facelo posteriormente nas categorías inferiores do Deportivo, debutando en 2013 co Fabril, nunha Terceira galega onde se faría un oco nas filas o Órdenes. E dun equipo verde a outro, subindo unha categoría para xogar no Racing de Ferrol na primeira volta e no Atlético Astorga, como cedido, na segunda. Unha estrea na Segunda B onde se mantería pasando ás filas do Boiro, compartindo vestiario con Pato e Jimmy, e Coruxo, onde permanecería durante dous cursos, para deixar o grupo I o pasado verán rumbo ao Ebro, onde non renovou. 

Nas filas do equipo aragonés xogou un total de 25 partidos entre liga e unha Copa do Rei na que superarían a Langreo e Ponferradina caendo en dezaseisavos contra o Leganés, contra o que sería titular. Tempada na que superaría en total os 1.500 minutos e na que non vería portería. 

Agora, chega para unha tempada chea de ilusión ao equipo que xa o tentou fichar na etapa de Iñaki Alonso como adestrador e son xa 9 os confirmados para o novo curso. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario