Teremos bo fútbol

Os xogadores seguen renovando a súa presenza ao Compos un ano máis e o corpo técnico non quixo ser menos. O mesmo día no que Gabri anunciou a súa renovación por unha tempada máis, tamén o fixeron Yago Iglesias, Rodri Veiga e Alex Otero. Tres pezas fundamentais que levaron ao Compos a gañar a liga ata en dúas ocasións, tres fases de ascenso e un ascenso fóra do normal á par que ilusionante. 
Verán de 2016. Yago Iglesias deixaba o Noia logo dun descenso á Preferente e Fredi deixaba a Esedé despois de non conseguir a milagre dunha permanencia. Un adestrador máis novo que algúns xogadores do equipo e que conseguiría facer un fútbol que namoraría malia non entrar na fase de ascenso no seu primeiro ano. Tempada que comezaría coa maior goleada en contra do equipo, en Abegondo contra xogadores que a día de hoxe están no fútbol profesional, e que remataría co Compos sétimo a seis puntos do Bergantiños, cuarto.
Un ano de aprendizaxe levou a formar un bloque algo máis forte, con Samu e Saro entre eles, e a facer historia. O Compos conseguiría un total de 86 puntos e gañaría a súa primeira liga da 'Era Yago Iglesias' no Carballiño sobre un Bergantiños que daría guerra ata o final. Un equipo onde tamén estaría Primo dándose a coñecer entre a afección branquiazul e xogadores do nivel de Alex Ares, Róber ou Tomás Abelleira. Sería tamén a primeira campaña do gran capitán Álvaro Casas. Non obstante, chegaría tamén o primeiro pau coas derrotas en Barcelona e, un mes despois, en Santiago contra o Salmantino.
Pero había que erguerse do golpe e seguir mellorando. Chegaron homes coma Aythami, Remeseiro, Piscu, Anxo e un Brais Abelenda que quere facerse un oco na historia do clube. Non obstante, a tempada foi máis difícil que a anterior, con rivais coma o Racing de Ferrol ou un Bergantiños ben reforzado. Aínda así, terceiros na clasificación e unha nova fase de ascenso que non tería un bo final, perdendo no engadido contra o Alavés B. 
E chegou. Cuarto ano cun corpo técnico que insistía en facer un gran fútbol, digno dos mellores. Chegaron xogadores con experiencia como Pato, Hugo Sanmartín, Jimmy, Baleato e Pablo Antas e o equipo mellorou aínda máis. Unha tempada para a historia, onde se conseguiu de novo ser campións de liga, malia contar esta con once partidos menos do que debía, e na que se acadou o máis que merecido ascenso á Segunda B nun escenario incomparable como é Balaídos. 
Como pequeno resumo, o corpo técnico leva ás súas costas un total de 155 partidos entre liga (141), fase de ascenso (10), Copa do Rei (2) e a fase estatal da Copa RFEF (2). 88 vitorias, 31 empates e 36 derrotas.
E agora queda o mellor!

Ningún comentario:

Publicar un comentario