O Compos reforza a zona defensiva cunha nova fichaxe. Procedente do Racing de Ferrol, chega Joel López. Futbolista de perfil defensivo, que pode xogar tanto de central coma de pivote, e cun gran futuro por diante. Con só 21 anos, asina pola Esedé para as vindeiras dúas campañas nas que estará ás ordes de Yago Iglesias seguindo o camiño que non hai moito tomou Brais Abelenda.
Ferrolán de nacemento, Joel comezou a súa carreira deportiva na base do Deportivo chegando a adestrar co primeiro equipo en Abegondo. Non obstante, o seu primeiro ano senior foi nas filas do Racing de Ferrol, na Terceira división. Sería con Larraz co que gañaría experiencia xogando un total de 27 partidos, 18 deles como titular, chegando aos 1.800 minutos de xogo nos que anotaría un gol no empate fronte ao Paiosaco. Menos sorte tivo na Segunda B este pasado curso xogando un total de 4 partidos entre liga e Copa acumulando menos de 200 minutos totais.
Acompañará a Casas e Soto no centro da defensa e poderá axudar tamén a Baleato e Samu cando o precisen. Sen dúbida, unha peza que pode ser importante e con marxe de mellora e aprendizaxe.

Ningún comentario:
Publicar un comentario