Sergio Pereira é o renovado do día. Un gran comodín para as dúas bandas, que este ano actuou como substituto tanto de Saro coma de Jimmy no posto de lateral, e que suma xa máis de 50 partidos no Compos en tres tempadas, malia non ser o habitual no once titular. Un xogador que volverá á Segunda B e cumprirá así a súa cuarta campaña ás ordes de Yago Iglesias.
Sergio Pereira chegou á Esedé procedente do Somozas no verán de 2017. O lateral chegaba de estrearse na Segunda B sumando case 900 minutos no conxunto da Ferrolterra na última campaña na categoría e sendo da partida ata en 9 ocasións. Antes, na Terceira división, tivo a súa estrea senior nas filas do Silva co que quedaría ás portas dos 1.500 minutos de xogo.
No Compos foi o suplente de Saro dende a súa chegada, cambiando á banda esquerda cando era preciso. Na súa primeira campaña superou os 1.200 minutos en 14 partidos mentres que na segunda pasaría a ter máis protagonismo xogando un total de 20 partidos entre liga, Copa do Rei e fase de ascenso. Case 2.000 minutos e un gol que servía para inaugurar a vitoria branquiazul contra o Céltiga.
Na última campaña, rematada antes de tempo, xogou nun total de 8 partidos sendo titular en 6 ocasións, sendo en 5 o lateral esquerdo titular en ausencia de Jimmy.

Ningún comentario:
Publicar un comentario