Samu será o segundo capitán do Compos un ano máis. O de Bembibre estará na Esedé por quinto ano consecutivo liderando o centro do campo e sendo eixo da creación dun dos mellores estilos das últimas campañas. Parte fundamental do equipo dirixido por Yago Iglesias, co que sumaría seis anos en caso de renovación, con xa máis de 100 partidos como branquiazul.
Samu chegou no verán de 2016 ao Compos procedente do Noia, onde gañou experiencia na categoría malia a súa idade. Un futbolista que se fixo habitual nos onces dende o primeiro momento e que tivo contra o Alondras o primeiro premio en forma de gol. Foi nunha primeira campaña onde superou os 1.300 minutos anotando 2 goles, sendo o segundo fronte ao Barbadás na última xornada.
Renovou e mantívose como unha peza importante no seu segundo ano asinando un total de 30 partidos entre liga e fase de ascenso, algo máis de 2.000 minutos e repetindo a cifra de anotación, servindo un dos goles para sumar un punto contra o Arosa.
Terceiro ano e, de novo, titular nun total de 25 partidos entre liga e fase de ascenso. Máis de 1.800 minutos dirixindo o xogo da Esedé no centro do campo acompañado por Marcos Remeseiro e, un curso máis, por Mon. Por primeira, e única, tempada quedaba sen ver portería.
Na súa cuarta tempada, quedou ás portas dos 2.000 minutos en 27 partidos, xogando practicamente todo, e fixo dous goles que servirían para gañar en Vilalba e fronte ao Bergantiños no Vero Boquete. Foi, ademais, titular nos dous partidos da fase de ascenso gañando a pulso a súa presenza nunha categoría superior.

Ningún comentario:
Publicar un comentario