Pato Guillén será o gardameta do Compos ata 2022 logo de acordar a súa renovación por dous anos. O porteiro que volveu ao equipo coa intención de devolvelo á Segunda B e que, polo camiño, fixo historia, quere seguir dando boas tardes de fútbol e paradas á afección branquiazul nunha categoría que coñece á perfección e na que xa defendeu as cores da Esedé.
Pato comezou a súa carreira deportiva en Uruguai chegando ao fútbol español alá polo ano 2009. O seu primeiro equipo sería, curiosamente, o Atlético Monzón que semanas atrás perdería na fase de ascenso á Segunda B contra o Compos. Foi, a primeira, unha tempada na que pasaría ata por un segundo equipo chegando ao Binéfar en xaneiro.
En 2010 chegaría a súa estrea na Segunda B da man do CD La Muela, equipo aragonés que morrería só un verán máis tarde. E de estrearse na categoría de bronce a volver á Terceira, chegar a Galicia e acadar o seu primeiro ascenso co Clube Deportivo Ourense, onde permanecería de 2011 a 2014 cando, por desgraza, morrería o cadro ourensán para dar vida á Unión Deportiva Ourense. Un verán no que deixaría Galiza por un tempo antes de marchar cara terras vascas a xogar un ano no Barakaldo.
2015 sería o ano no que volvería a Galiza para quedar e o faría, da man de Iñaki Alonso, no Compos. Unha mala tempada, que se pechou cun descenso, mais no que deixou moi boas lembranzas baixo paus dun Vero Boquete de San Lázaro ao que volvería para facer historia. Non obstante, antes sería o gardameta titular na estrea do Boiro na Segunda B acompañando a xogadores coma Catú, Jimmy e Manu Rodríguez. E do último paso cara ao fútbol profesional a categorías autonómicas. Volta a Ourense e convírtese en historia da UD Ourense conseguindo o ascenso á Terceira división e unha permanencia na que deixou grandes actuacións.
Historia feita.
Logo de saír de Ourense por segunda vez, non o dubidou para aceptar a oferta dun Compos co obxectivo claro de ascender. Logo de dúas oportunidades perdidas, o equipo de Yago Iglesias reforzaba o equipo con veteranía e non faltaba un porteiro de gran nivel que chegou para quedar, serán tres anos consecutivos de cumprir o novo contrato, facendo historia.
30 anos antes, Docobo deixaría a súa portería a cero nun total de 652 minutos consecutivos. Sería tamén na Terceira división con Fernando Castro Santos de adestrador e pechando a tempada cun ascenso á Segunda B. Sería o comezo da historia máis importante dun Compos que, en 1994, chegaría ao máis alto.
Con Álvaro Casas e David Soto, Pato tería aínda máis opcións de mellorar a súa gran capacidade baixo paus e conseguiría así bater o récord e deixalo en 798 minutos consecutivos sen encaixar, dende que en outubro encaixara dous fronte ao Estradense e ata que en xaneiro encaixaría os mesmos fronte ao Ourense CF con equipos polo medio como Racing Vilalbés, Arosa ou Choco. A parte, encaixaría un total de 14 goles en liga e 2 máis na fase de ascenso.
Portería ben cuberta.
O primeiro en chegar, logo da marcha de Anxo, foi Borja Rey. O ex porteiro do Arenteiro, con ficha sub 23, estará ben acompañado por Pato pelexando pola titularidade nunha tempada fermosa e importante.

Ningún comentario:
Publicar un comentario