Parella de irmáns, completada

 Se onte o anuncio de renovación, por dúas tempadas, era o de Jimmy, hoxe é, por só un curso máis e serán cinco, o de Saro. O pequeno dos irmáns Seoane Mella estará un ano máis ás ordes de Yago Iglesias co que chegou en 2015 ao Noia, compartindo vestiario tamén con Samu seis anos. Un futbolista que, nas filas do Compos, xogou un total de 131 partidos oficiais entre liga, tres fases de ascenso, Copa do Rei e Copa RFEF. 

 Chegado das filas do Noia, logo de pasar tamén polas filas de Flavia e Bertamiráns, Saro sería unha petición de Yago Iglesias. Lateral dereito habitual nas filas do equipo noiés chegaría para ser habitual na Esedé contando con 37 partidos e máis de 3.000 minutos na súa primeira campaña, na que marcaría un gol que serviría para asinar un punto fronte ao As Pontes. 

 Na segunda tempada, 36 partidos entre liga, na que o Compos sairía campión por primeira vez na 'era Yago Iglesias', e fase de ascenso. De novo 3.000 minutos e volvería a ver portería nunha soa ocasión, neste caso abrindo a goleada contra o Negreira no Vero Boquete. 

 Con menos minutos contaría na súa terceira campaña como branquiazul. 27 partidos entre liga, fase de ascenso e Copa do Rei. Un curso difícil onde, por primeira vez, non sería quen de ver portería en máis de 2.000 minutos. 

 Na última campaña, freada antes de tempo e na que compartiría vestiario por primeira vez co seu irmán Jimmy, superaría os 2.500 minutos en 30 partidos entre liga, Copa RFEF e fase de ascenso en Balaídos, nos que marcaría un gol no triunfo na casa fronte ao filial do Clube Deportivo Lugo na primeira volta. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario