Logo de varios días con renovacións, toca rematar co xogador máis adiantado do once titular. Primo, que volveu a Santiago cando se chegaba á metade da primeira volta para para axudar no ascenso, será de novo unha parte importante na Segunda B á que volve ano e medio despois, con experiencia no fútbol islandés incluída. Un goleador nato que, malia pasar menos tempo no equipo, puido ser o segundo máximo anotador por detrás de Brais Abelenda.
Saído da base do Racing de Santander, Primo comezou a súa etapa senior nas filas do Laredo, co que quedaría ás portas de ascender ata en dúas ocasións. Non obstante, chamaría a atención do Tropezón estreándose na categoría de bronce e marcando un gol no Vero Boquete, mais sen conseguir a vitoria nin a permanencia volvendo á Terceira división, na que se mantería nas filas do equipo de Tanos durante a primeira volta pasando ao Vitoria na segunda co que conseguiría ascender fronte ao Atlético Astorga, mesmo rival co que caería na final co Laredo anos atrás.
Logo do paso polo Vitoria, mantívose na Terceira división coa intención de acadar un segundo ascenso consecutivo. Un Compos cun proxecto ambicioso e grandes xogadores da Terceira galega reforzouse coa chegada do cántabro. Na súa primeira campaña en terras galegas asinou un total de 20 goles en liga e outros 3 na fase de ascenso, insuficientes para conseguir o obxectivo mais deixando unha grandísima imaxe que levou ao equipo a pensar na súa volta dous anos despois.
Saiu do Compos e volveu buscar sorte na Segunda B, na Gimnástica de Torrelavega, mais cuns números máis discretos. Posteriormente, buscaría sorte no fútbol islandés onde xogaría 12 partidos anotando 3 goles en algo menos de 1.000 minutos, quedando libre en setembro e coa posibilidade de saír a outro equipo un mes e medio máis tarde.
Ese novo equipo non sería outro que o Compos, ao que volvería un ano e medio despois compartindo vestiario con Rodri durante algo menos de dous meses. A súa volta chegaría cunha vitoria histórica, con gol na Magdalena e tres puntos no debut. Sería tamén importante no triunfo fronte ao Arzúa oito días despois, anotando os tres goles do triunfo. A súa maior xeira de partidos sen marcar serían 3 consecutivos sumando 10 acertos, con outro 'hat-trick' inaugurando o casilleiro de vitorias branquiazul en Calabagueiros. Ademais, sería o autor do segundo gol contra o Barco en Balaídos e agora será o dianteiro de referencia no ataque branquiazul na Segunda B.

Ningún comentario:
Publicar un comentario