Bicho volve á Segunda B

Bicho volveu a Santiago en xaneiro deste mesmo ano despois de varios meses sen equipo, adestrando co Boiro. Un xogador que, malia a súa xuventude, foi quen de facerse un nome importante no fútbol galego e poderá demostrar un ano máis a súa calidade no Vero Boquete de San Lázaro, onde xa estivo hai catro anos marcando goles moi importantes ás ordes de dous adestradores diferentes e sacando o mellor de si coa chegada de Fredi. Agora, con Yago Iglesias, quere seguir axudando ao equipo por unha tempada máis. 

Bicho comezou a súa carreira na base do Deportivo pasando en diferentes etapas polo Fabril sen conseguir facerse un oco no primeiro equipo. Polo medio, ata catro cesións collendo experiencia en Segunda no Barcelona B e quedando sen minutos, meses despois, no Leganés. Sería despois de medio ano sen oportunidades en terras madrileñas cando chegaría por primeira vez á Esedé coa que xogaría un total de 17 partidos e anotaría 3 goles insuficientes para manter ao equipo na categoría de bronce na que el si quedaría un ano máis asinando polo Racing de Ferrol. Volta á Coruña e, de novo, un papel secundario xogando 23 partidos en dous anos sen chegar, no total, aos 1.000 minutos sobre o verde. 

A finais de xaneiro deste 2020 sería o oficial a súa volta ao Compos. Con media tempada xa superada e por mor da pandemia, non pasaría dos 5 partidos xogados en liga e os 2 da fase de ascenso marcando un gol contra o Fabril en Abegondo e sendo inxustamente expulsado minutos despois. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario