Brais Abelenda colle a chamada da Segunda B

Se ben é certo que se dixo que renovará entre o 80 e o 90 por cento do equipo que acadou o ascenso, non está nada mal comezar coas confirmacións sendo o primeiro unha peza fundamental nos dous últimos anos. Brais Abelenda seguirá sendo parte do Compos durante unha tempada máis, e xa serán tres, con tarifa plana para seguir recibindo chamadas nunha categoría de bronce na que xa se estreou nas filas do Racing de Ferrol, co que asinou un gol hai xa catro anos. 
Procedente do Racing, Brais Abelenda chegou á Esedé no verán de 2018. Titular indiscutible no seu primeiro ano ás ordes de Yago Iglesias e gañando o agarimo da afección, foi escollido como o mellor xogador do equipo. Un primeiro ano no que participou nun total de 35 partidos entre liga, Copa do Rei e fase de ascenso superando os 3.000 minutos de xogo e marcando un total de 12 goles mais sen ser o dianteiro centro, posición ocupada por Aythami. 
Na tempada que acaba de rematar, e que contou con só 27 xornadas e dous partidos da fase de ascenso, participou nun total de 25 encontros sumando as dúas partes da competición, con algo máis de 2.000 minutos e facendo un total de 14 goles que o sitúan como o máximo goleador do equipo e peza fundamenetal dun Compos que ten neste extremo de Bembibre de 24 anos unha aposta moi forte para acadar uns resultados inmellorables nunha categoría diferente e na que aínda se descoñecen os rivais. 

O segundo confirmado.
Boa parte do equipo asinou a tempada pasada un contrato para dúas campañas ou ben unha renovación automática en caso de ascender. Non obstante, Brais é a segunda peza oficialmente confirmada para a tempada logo da fichaxe de Borja Rey hai unhas semanas. 

Quen será o seguinte en confirmar a súa presenza no equipo na porta do fútbol profesional?


Ningún comentario:

Publicar un comentario