Baixón

O Compos encadeou a súa segunda derrota consecutiva por primeira vez dende maio do pasado ano. Ademais, segunda xornada seguida sen ver portería, feito que non se repite dende abril de 2017 no primeiro ano de Yago Iglesias á fronte do equipo. Un Yago Iglesias que acabou expulsado nun xogo cunha actuación arbitral que deixou moito que desexar, sobre todo en canto aos fóras de xogo no primeiro tempo. Diante, unha UD Ourense que fixo o xusto para gañar, aproveitando un erro defensivo no primeiro tempo, nun encontro con moitas interrupcións e no que Miki e Hugo Sanmartín acabaron lesionados. Unha derrota que, aínda así, non cambia nada no máis alto da clasificación.

A Esedé, en fóra de xogo. 
Cun equipo entre algodóns chegaba un Compos a este Derbi da Vía da Prata. As baixas importantes de Brais Abelenda e Jimmy notáronse sobre o verde do Vero Boquete dende o comezo. Faltos de ideas, os homes de Yago Iglesias non tardaron en cometer o primeiro erro do encontro significando o gol ourensanista. Un man a man de Rubén Arce que para o gardamallas, o rexeite peta no xogador visitante e volve cara a portería, onde un defensa saca a pelota baixo paus. Non obstante, o asistente de banda decreta gol. 
E chegaron os problemas. Balón para os nosos e a pechar no seu campo ao Ourense. Tentando frear as posibles saídas de balón do cadro vermello, os problemas reais chegaron co asistente do colexiado. Cada pase adiantado era fóra de xogo, con algún que outro máis que discutible chegándose ao tempo de lecer sen probar ao porteiro ourensanista en ningunha ocasión. Ademais, a primeira nova negativa do partido chegou coa lesión de Hugo Sanmartín. 

Coa posesión non foi suficiente. 
O guión do segundo tempo consistiu nun asedio constante do Compos en campo contrario. Non obstante, non foi suficiente. Fronte a un equipo que se defendeu ben e que buscou frear a base de interrupcións por faltas, rematando aínda así sen ningún cartón fronte aos 3 vistos polos nosos. 
As ocasións volveron complicarse. Só Josiño, chegando dende atrás, foi quen de poñer en perigo a Ángel Díez cun disparo que tocou primeiro o gardamallas e posteriormente no longueiro. Foi a oportunidade máis clara dentro do tempo regulamentario así como a única que chegou con claridade entre os tres paus. 
Xa no engadido apareceu unha versión de Pato un tanto diferente ao habitual. O gardameta uruguaio apareceu en ataque e en dous corners a piques estivo de axudar a conseguir un punto contra o único equipo que poderá presumir de gañar ao Compos os dous partidos da tempada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario