Compos e Ourense CF chegaron ao seu baixón na tempada. Sen a posibilidade de que un terceiro interrumpa na súa loita, os dous equipos están a tomarse un descanso nunha campaña tremendamente igualada. É así que suman xa dúas xornadas consecutivas sen gañar, cos nosos incluso sen poder anotar nin puntuar, aprazando algo máis a súa clasificación matemática, sendo xa virtual, para a fase de ascenso á Segunda B. Por outro lado, o terceiro e cuarto posto xa empezan a coller cor con Arosa e Barco distanciándose do resto.
Empezamos o que ocorreu a pasada xornada no Vero Boquete. Un partido difícil, cun Compos en baixa forma e contra outro dos rivais que conseguiu xa na primeira volta superar aos nosos. O Ourense saiu a facer un fútbol ao que xa estamos un tanto acostumados en Santiago. Sen moito que propoñer sobre o verde, aproveitaron un erro na defensa branquiazul para anotar o que sería o seu único gol. A partir de aí, moitas interrupcións, imprecisións e as lesións de Hugo Sanmartín e Miki, a segunda nun máis que posible penalti non sinalado polo colexiado.
E se o Compos perdía o seu primeiro partido como local do curso, o Ourense CF non sería menos. Sen ser quen de aproveitar a derrota branquiazul, os ourensáns sufriron contra un Silva moi ben situado no campo e amosando un bo xogo que freou os intentos locais. E se en defensa lles foi ben, tampouco hai queixa do traballo silvista en ataque anotando o gol do triunfo a sete minutos para o final cun gran gol de Marcos Gómez.
Con algo máis de sorte atopouse un Arosa que encadea tres xornadas sen perder. E en Vilaxoán, onde non gañan dende hai un mes, tiveron que suar para facerse cos tres puntos grazas a un novo gol de Catú no engadido. Antes, no primeiro tempo, sería Gamallo o autor do gol que daba esperanzas para sumar os tres puntos ao Paiosaco.
E o único que puido sumar de tres nesta pelexa foi o Barco. Os valdeorreses, que igualan a puntos aos arousáns, conseguiron superar pola mínima ao Lugo B en Calabagueiros. Un gol de David Álvarez mediado o segundo tempo foi suficiente para bater a un filial lugués que de ter gañado este partido podería manter aberta unha gran pelexa.
Catro son aínda os equipos que loitan por manterse vivos na busca dun posto na promoción de ascenso. O Choco superou ao Racing Vilalbés e é xa quinto, aínda que catro puntos menos que o seu obxectivo. Outro que tamén sube algún posto na táboa é un Arzúa que empatou no engadido cun gol de Iker Hurtado fronte o Pontellas en San Campio. E o Fabril volveu caer sumando só 1 triunfo nas 7 últimas xornadas. Pecha esta serie a UD Ourense a 7 puntos do Arosa e do Barco.
Moito por decidir.
Chegamos ao último cuarto do campionato e aínda queda moito por decidir. Tal é así que, ademais do grupo galego, ata en sete grupos máis pode haber un troco de líder a vindeira fin de semana, aínda que no caso de dous terán que darse uns casos un tanto especiais. E con eses dous imos comezar.
No grupo 2, de Asturias, o Lealtad non consegue sacar unha clara vantaxe fronte ao segundo, o Llanera, malia non perder ningún partido. Pois ben. Esta fin de semana vanse enfrontar no Pepe Quimarán onde o Llanera tería que gañar por goleada, por máis de 4 goles de diferenza, para poder ser o novo líder. Difícil si, imposible non se sabe.
Algo máis lioso é o que terá que pasar no grupo 13, o murciano. O Lorca Deportiva é líder con tres puntos máis que o Atlético Pulpileño e na liga acabaron os dous enfrontamentos co mesmo resultado. Con isto, agora mesmo para ser líder o equipo almeriense tería que gañar por 4 goles de diferenza ao Churra mentres que o Lorca debería perder tamén por esa vantaxe fronte ao filial do Cartagena. De novo, moi difícil, mais non imposible.
E dunha vantaxe de tres puntos pasamos a un empate. No grupo rioxano son dous os equipos que agora mesmo están separados polo triunfo da SD Logroñés en liga no enfrontamento particular. O segundo, o Varea, ten que conformarse con aproveitar algún erro do líder malia contar cunha diferenza de 5 goles sobre o primeiro.
Tarazona e Teruel compiten por ser campións no grupo aragonés. Hai dúas semanas foi o Tarazona o que se fixo co primeiro posto e esta fin de semana competirán fronte a outros dous equipos da zona media da clasificación polo liderado. A día de hoxe son 2 puntos os que os separan e hai que engadir que o cadro zaragozano suma 8 vitorias consecutivas.
Tres son os que pelexarán ata o final no grupo estremeño por ser campións. Non obstante, o Cacereño está a día de hoxe a 4 puntos do líder. Encabeza a táboa o Villanovense moi seguido, a só 1 punto, polo Coria. Non obstante, o Villanovense terá unha saída, en principio, doada a casa do penúltimo mentres que o Coria recibirá ao cuarto, o Extremadura B.
Tres son tamén os que optan ao primeiro posto no grupo vasco. Portugalete e Sestao River encabezan a clasificación con 56 puntos cada un mentres que o Vitoria non perde de vista o primeiro posto con só un punto por debaixo. Esta fin de semana enfróntanse a equipos da zona baixa o primeiro e o terceiro mentres que o segundo recibirá á Real Sociedad C. Máxima igualdade nun dos grupos máis difíciles da Terceira división.
Aínda que se hai que falar de igualdade non se pode evitar o grupo canario. Para moitos, rivais asequibles de cara á promoción de ascenso e a día de hoxe son 4 os equipos que poden asaltar o liderado a vindeira fin de semana. O Tenisca é o novo líder mentres que Tamaraceite e Marino, equipo que perdeu o posto a pasada xornada, están cun punto menos e completa esta parte da táboa o San Fernando con dous puntos por debaixo do primeiro. Moito en xogo e moitas posibilidades de cara á vindeira xornada con varios partidos aprazados da xornada 26 e que poderían cambiar aínda máis as cousas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario