Volve o gran Derbi da Vía da Prata ao Vero Boquete. Un partido entre dous dos equipos coas mellores afeccións no mellor campo da categoría e con moito en xogo polos dous lados. Un Compos-Ourense no que a Esedé quere asinar un récord histórico coa 14ª vitoria consecutiva na casa mentres que o conxunto vermello, con opcións de ser cuartos, queren sumar de tres despois de mes e medio sen facelo.
Mantendo a esperanza.
Cinco anos e medio despois da desaparición do Clube Deportivo Ourense, o seu fillo, a UD Ourense, quere devolver á cidade das burgas á Segunda B. E despois de ano e medio na Terceira división, o equipo vermello ten o seu soño a sete puntos con aínda un terzo do campionato por diante. Non obstante, o equipo non está a pasar polo seu mellor momento con seis xornadas sen coñecer a vitoria, aínda que sumando cinco empates que o manteñen na parte media alta da táboa.
A día de hoxe, a Unión Deportiva Ourense ocupa a oitava posición da clasificación. Cun total de 37 puntos, conseguiron un total de 9 triunfos e 10 empates co 1-1 como resultado favorito, repetido ata en 9 ocasións. Por outro lado, é o quinto equipo con menos derrotas logo de caer en 7 partidos, case sempre a domicilio. En canto a goles, 31 goles a favor para un equipo que sabe aproveitar á perfección cada un dos que marca, e 36 en contra que o sitúan como o segundo peor neste sentido dos que pelexan polos postos altos, notando a baixa de Pato baixo paus.
Un equipo, a UD Ourense, moi forte na casa sendo o terceiro mellor local da categoría, só por debaixo dos dous primeiros, mais que non está a facer boas actuacións a domicilio. Con só un triunfo, no Poboado fronte ao As Pontes, a gran parte dos puntos do cuarto peor visitante da categoría chegou a base de empates. Ata en seis ocasións repartiron os puntos, sempre repetindo o 1-1 no luminoso. E chegamos ás derrotas lonxe do Couto, onde caeron ata en 5 ocasións sendo o quinto equipo que menos caeu como visitante. Non obstante, agás fronte ao Barco, o resto foron por máis de un gol de diferenza, encaixando 4 no derbi ourensán ou 5 na Cheda.
A nivel individual, neste Ourense hai que falar da experiencia á par que calidade con Rubén Durán. Ex xogador do CD Ourense e capitán da UD é unha das pezas máis importantes do equipo dende a súa chegada en 2016 liderando dous ascensos consecutivos. A parte, hai que destacar a presenza doutros dous ex do anterior equipo ourensán así como da Esedé como son Josu, dono da banda do Couto, e Germán.
14 de 14.
Un ano de records, unha tempada histórica, onde Pato puxo un novo tope baixo paus case imposible para os que veñan no futuro e na que esta fin de semana se poden superar as 13 vitorias consecutivas conseguidas na 79/80, onde só o Arosa foi quen de puntuar na capital galega.
Terceira división 1979/80. Contra o Gijón Industrial arrincaba unha tempada que remataría levando aos nosos á Segunda B por segunda vez na historia sendo tamén a segunda ocasión na que o equipo conseguiría ser campión da Terceira. Non obstante, o Arosa visitaría Santiago na xornada 12 cortando unha xeira de cinco vitorias consecutivas. Aínda así, o Alondras caería dúas semanas despois en Santa Isabel e a partir de aí... Celta B, Cacabelense, Cambados, Siero, Fabril, Real Avilés, Ponferradina, Oviedo B, L'Entregu, Gran Peña, Turón e Noia. 13 triunfos consecutivos aos que se poderían engadir incluso dous máis, fronte a Ensidesa e Racing de Ferrol na campaña seguinte sumando un total de 15 partidos de liga seguidos sen perder na casa.
13 son tamén, dende que comezou o campionato, as que suma o equipo dirixido por Yago Iglesias e ás que se lle pode sumar unha máis, contra o Somozas, da campaña anterior. Non obstante, o máis destacable é, sen dúbida, a fortaleza defensiva dun equipo que só encaixou 4 goles nestes partidos e a potencia ofensiva coa que contan superando os 2 goles de media por partido na casa, sumando un total de 28. Algo inimaxinable e que, entre as catro primeiras categorías do fútbol español só pode igualar o Poblense, con 12 de 12.
Tiña que chegar.
Na pasada fin de semana, nin Compos nin UD Ourense puideron sumar un novo triunfo. Unha derrota para os nosos, despois de catro meses e medio, e un novo empate para o equipo ourensán encadeando unha xeira de empates.
17 xornadas sen perder e apareceu o Clube Deportivo Lugo B. Nun campo que se presume case imposible para o Compos ao longo da súa historia e fronte a un filial, materia a mellorar de cara ao futuro máis próximo. No Anxo Carro, o equipo de Yago Iglesias tardou en facer o seu xogo e caeu con dous goles de Morais.
Pola súa parte, a UD Ourense non pasou do empate no Couto fronte ao Alondras. Os goles de Jonas para os cangueses e de Dani Pedrosa para os locais foron suficientes para chegar xa ao tempo de lecer co resultado que sería definitivo. Hai que destacar tamén que nas filas do conxunto ourensán só houbo un cartón, vermello ademais, nos noventa minutos e foi para Josu, que non poderá estar na que foi a súa casa durante dous anos. Supuxo o quinto empate nas seis últimas datas.
Encontro igualado.
Sen lugar a dúbida, este partido terá unha gran igualdade sobre o verde. Así se demostrou nas veces que se enfrontaron nestas dúas últimas campañas en partido oficial con resultados moi igualados. Tanta igualdade que os dous equipos xa saben o que é levarse os tres puntos nunha ocasión así como asinar un empate, na única cita ata o de agora no Vero Boquete.
Foi hai algo menos de ano e medio, con Pato nas filas do conxunto vermello. Alex Ares adiantaría á Esedé, non sen complicacións para superar ao gardamallas uruguaio, e Alfredo conseguiría o empate nun partido onde se mancaría Miki no primeiro tempo.
Hai que falar tamén do que pasou no Couto na primeira volta. Un partido que serviría para dar comezo á xeira histórica. E non foi doutro xeito que coa segunda derrota branquiazul do curso grazas a un gol de Iago Blanco para os locais xa no segundo tempo.
Volve Soto.
Despois dunha fin de semana fóra por sanción, volve á acción Soto. O central non puido estar no Anxo Carro e a súa ausencia notouse chegando a derrota máis importante do que vai de curso con dous goles de diferenza noutros tantos erros defensivos. E pola mesma razón que non puido estar el en Lugo, poderían perderse a visita a A Estrada Pablo Antas e Primo, os dous apercibidos de sanción.
Pola UD Ourense non poderá estar sobre o verde Josu.
Medio día do clube.
Como xa é habitual nos últimos anos, chega o segundo medio día do clube da tempada no Vero Boquete. Unha proposta pola cal, aproveitando a chegada dun gran rival, os aboados terán que pasar polas oficinas para retirar a súa entrada a 5 euros mentres que os non aboados terán a posibilidade de mercar as súas entradas a 10 euros, tanto nas oficinas coma na tenda oficial e na web, ata o venres, ao igual que a afección ourensanista, que tamén dispón de entradas a prezo reducido. Por contra, o día do partido, as entradas estarán a 15 euros nas billeteiras do estadio. E coma sempre, menores de idade pasan de balde previa retirada de invitación nas oficinas ou na tenda, neste caso coa posibilidade tamén do sábado.
Para quen non poida asistir, o partido poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto do clube coma da Curva Branquiazul.

Ningún comentario:
Publicar un comentario