Un gran paso

Compos e Ourense CF medirán forzas esta fin de semana nunha final anticipada nesta primeira volta. Un partido onde o primeiro e o segundo clasificados medirán forzas no mellor partido deste arrinque do novo ano. Unha cita imperdible no fútbol galego da que un podería saír moi reforzado e sacando unha maior vantaxe sobre o seu principal perseguidor. Ademais, será a oportunidade perfecta para reconquistar O Couto, onde os nosos asinaron a súa derradeira derrota do 2019 e última ata este mesmo momento así como volver ao bo camiño lonxe dun Vero Boquete imposible para calquera rival en liga dende o mes de maio, cando gañou o Racing Vilalbés pola mínima nun encontro xa sen nada en xogo para os nosos.


Tempada histórica.
Se o Compos está a facer uns números históricos, o Ourense Clube de Fútbol non é para menos. O equipo dirixido por Fran Justo é o principal rival dos nosos polo primeiro posto da clasificación e así o fan saber cos 40 puntos asinados ata o de agora, amosando un estado de forma e un xogo case insuperables. Mostra diso, os seus resultados. E é que é o equipo máis goleador da categoría así como o que menos derrotas sumou neste primeiro treito do campionato, cando só restan dúas xornadas para pechar a primeira volta.
Como xa dixemos, os ourensáns só levan un punto menos que o Compos sendo a tempada máis igualada e con maior puntuación en anos, sendo superados só polo Racing de Ferrol hai xa seis anos, naquela tempada na que os de verde pecharon o curso preto dos 100 puntos en total. 12 vitorias en total e 4 empates para un equipo que, ata o de agora, só caeu en Abegondo na segunda xornada do campionato sendo un dos tres partidos nos que non foron quen de ver porta. Tal é así que anotaron 33 goles, con dous de media por xogo, e recibiron 11, sendo quen de deixar a portería a cero en oito partidos.
No Couto, o equipo ourensán só deixou saír dous puntos nos empates contra Racing Vilalbés e Arenteiro mentres que o resto foron todo vitorias, destacando as conseguidas con goleada fronte Bergantiños, Rápido de Bouzas e UD Ourense, sendo todas por goleada. A parte, hai que dicir que só recibiron 4 goles indo sempre por diante no marcador.
A nivel individual, nun equipo cheo de grandes xogadores, do mellor da categoría; atópase xente coma os ex do Compos Rubén e Portela así como o gran 'killer' Adri Castro, Renan Zanelli, Pibe ou Iker Revuelta, xogadores que, malia a súa xuventude, contan cunha gran experiencia no fútbol galego.

Agora, no Couto.
Por segunda tempada consecutiva, os plans de Yago Iglesias e Fran Justo cruzaranse no primeiro encontro de xaneiro. Un comezo que promete ser igual de interesante que o pasado ano aínda que, ogallá, remate cun resultado máis favorable para os nosos. Ademais, hai que engadir que os nosos comezaron con triunfo lonxe da casa sempre dende a derrota sufrida en Boiro alá por 2011, perdendo, por outro lado, as estreas de ano no Vero Boquete.
A pasada campaña, o Compos arrincou 2019 recibindo ao Ourense CF no Vero Boquete. Un partido onde os nosos conseguiron adiantarse no primeiro tempo cun gol de Aythami superada a media hora. Non obstante, o segundo tempo foi de dominio ourensán. Róber, que volvía á súa anterior casa, anotou un gran gol para igualar o resultado e só dous minutos despois sería Renan Zanelli o encargado de darlle a volta. Unha remontada que sería incapaz de frear o conxunto da capital sufrindo, a cinco minutos para o final, un terceiro tanto, obra de Fran Justo.
Botando unha ollada máis ao pasado, o Compos foi quen de gañar na estrea do ano dende 2012 sempre que se estreou lonxe de San Lázaro, perdendo ditas citas xogando de local. Unha curiosidade que se ven repetindo estas últimas tempadas conseguindo os tres puntos contra o Santiago de Compostela, As Pontes, Real Avilés e Silva a domicilio mentres que Ourense Clube de Fútbol, Fabril, Arandina e Clube Deportivo Ourense conseguiron sumar vitorias en Santiago.

Un oso difícil de roer.
Terceiro curso que Yago Iglesias e Fran Justo buscan saber cal é mellor estratega. Un terceiro asalto dunha loita que, polo de agora, gaña o adestrador ourensán. E é que malia rematar sempre en mellores posicións o cadro santiagués, é o equipo da Cidade das Burgas o que se leva estes emparellamentos particulares.
No Couto comezou esta pelexa alá polo 2017, cando o equipo ourensán pegou o chimpo á Terceira división. Un partido con peor nivel do esperado e que nos deixou sen sorpresas, cun empate grazas aos goles de Edu Otero e Alex Ares. Un valioso punto que se triplicaría na segunda volta, no Vero Boquete, grazas aos goles de Primo, Santi e Rubén, sendo unha parte moi importante na pelexa polo primeiro posto dos nosos contra o Bergantiños.
Máis desigualdade houbo na tempada 2018-19, cando foron os de Fran Justo os que levaron os seis puntos. Tanto no Vero Boquete, onde conseguiron o  triunfo do que falamos anteriormente, coma no Couto, onde foron os locais os que conseguiron pechar a tempada coa vitoria grazas a un gol de Raly Cabral, insuficiente para meter aos seus na promoción de ascenso.
Por outro lado, será a segunda ocasión na que midan forzas nesta campaña logo de enfrontarse na final autonómica da Copa RFEF en Portonovo. De feito, Baltar acolleu un grandísimo partido no que o tempo regulamentario rematou con empate a 2 goles, obra de Miki e Rodri para os nosos nun moi bo primeiro tempo e para Renan Zanelli e Adri Castro igualando a contenda no segundo. Xa na prórroga, Germán, en propia porta, fixo o terceiro gol branquiazul mentres que Adri Castro asinou o seu segundo tanto na segunda metade do tempo engadido levando a cita aos penaltis. Alí, logo dunha longa quenda de penaltis, Anxo demostrou ser unha peza chave parando a primeira pena máxima das oito que tirou cada equipo. 

Final habitual.
Ver gañar a Compos e Ourense Clube de Fútbol xa é algo habitual nos últimos meses e non foi menos na derradeira xornada do 2019. Nunha xornada atípica, con ata catro partidos suspendidos polo temporal, houbo que contar con triunfo a visita ourensá a Cangas do Morrazo así como a recepción do Choco no Vero Boquete.
Na capital galega, a Esedé fixo ben o seu traballo e mantivo o primeiro posto da clasificación grazas aos goles de Primo, co peito, e Soto, á contra. Un partido dominado sen grandes complicacións e que puido ir ao tempo de lecer cun resultado moito máis desigualado.
Máis emoción se viviu no enfrontamento entre Alondras e Ourense. Un partido difícil que deixou, de novo, tocado ao equipo morracense grazas a un único gol de Adri Castro no ecuador do primeiro tempo. Unha vantaxe mínima á par que suficiente para seguir ben de preto ao Compos.

O Couto, proba de lume. 
Se hai un campo onde o Compos, ao longo da historia, non foi quen de conseguir os mellores resultados é O Couto. Un estadio que os nosos visitaron ata contra tres rivais diferentes conseguindo só 4 triunfos, sendo a meirande parte grazas a superar ao Clube Deportivo Ourense.
19 visitas cun bagaxe pobre de resultados para os nosos sacando só 15 puntos grazas aos triunfos fronte ao CD Ourense en 1967, 1972 e 1999. Xa neste século, foi a UD Ourense a que caeu a mans do cadro dirixido por Yago Iglesias a pasada tempada grazas aos goles de Rubén e Brais Abelenda. 
Por outro lado, outros dous empates contra o CD Ourense e un, resultado que podería servir, contra o Ourense CF sendo o mellor resultado conseguido fronte aos de Fran Justo a domicilio cun gol de Alex Ares para os nosos que serviría para asinar ese punto importante. 

Con pouco tempo. 
Coas vacacións de Nadal por medio, os nosos pouco tempo teñen para preparar o encontro. Con isto, e se non hai sorpresas, a única baixa con respecto aos xogos anteriores será a dun Alberto que podería estrearse esta fin de semana nas filas do Noia contra o Xallas. Por outro lado, Yago perderá a Primo e Josiño, os dous por lesión.

Hai que madrugar.
Nada mellor que un bo partido do Compos para ter unha razón para erguerse cedo. E é que O Couto abrirá as súas portas o domingo 5 de xaneiro ás 12 da mañá para deixarnos o primeiro agasallo de Reis anticipado. Un partido para o que as entradas terán un prezo de 10 euros, nun dos campos máis grandes da categoría pero cun terreo de xogo que non se espera nas mellores condicións logo do visto nas últimas datas.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario