Alberto Freire deixa o Compos despois de ano e medio marcado polas lesións. O centrocampista de Negreira rematará esta tempada, xa recuperado da pubalxia que o deixou fóra case todo o curso pasado, nas filas do Noia da Preferente galega.
Alberto estreouse nas filas do Compos na Terceira división ás ordes de Yago Iglesias en 2016. Unha primeira tempada na que non tivo moitas oportunidades en liga xogando un partido completo e a metade doutro, en dúas citas nas que os nosos non foron quen de sumar de tres diante de Fabril e Órdenes pasando a xogar no Bertamiráns na segunda volta, equipo no que tampouco chegou a gozar de moitas ocasións.
De volta a Santiago, na súa segunda tempada como xogador 'senior', puido gozar de máis oportunidades pasando a xogar un total de 436 minutos en 12 partidos e abrindo o marcador fronte ao Somozas no Alcalde Manuel Candocia sendo o seu único tanto en partido oficial coa camisola do primeiro equipo, ao que sumar outro este pasado verán na Copa Deputación. Non obstante, a pasada tempada comezou cunha lesión que o mantivo fóra dos terreos de xogo ata a xornada 33 debutando no treito final do encontro fronte ao Arenteiro no Vero Boquete e acumulando un total de 71 minutos en 3 partidos.
Na presente tempada, a sorte tampouco estivo moito do seu lado. Unha nova lesión durante a pretempada fixo que só puidera ter minutos nos minutos finais dos partidos contra Rápido de Bouzas en Vigo e Arzúa en Santiago, ademais de xogar parte da prórroga na Copa RFEF contra o Coruxo.
Un xogador que pode ter un bo rendemento no equipo agora dirixido por Iván Carril, ex adestrador da base branquiazul, axudando ao Noia a conseguir esa desexada volta á Terceira división, agora un tanto lonxe ocupando o 11º posto da táboa. Logo poderá volver a Santiago onde ten un ano máis de contrato logo de renovar ata 2021 o pasado verán.

Ningún comentario:
Publicar un comentario