Compos e Ourense Clube de Fútbol asinaron un empate nun partido con emoción, moito fútbol no centro do campo e poucas ocasións. Unha cita na que Pato volveu encaixar, dous goles, quedando o récord en 798 minutos, unha cifra inimaxinable. Aínda así, os nosos seguen no máis alto da clasificación e os dous equipos poñen algo máis de vantaxe sobre un Barco que perdeu en Redondela e que conta cun partido menos a día de hoxe. Hugo Sanmartín, que fixo un gran partido, e Brais Abelenda asinaron os goles branquiazuis mentres que Cassio fixo o empate local cun dobrete en dúas xogadas a balón parado.
Efectividade máxima.
Sobre un campo do Couto que pasou por mellores momentos, Compos e Ourense deixaron unha boa mostra de fútbol e efectividade. Un partido no que os ourensáns preferiron dar o balón aos nosos e presionar a saída de balón en campo contrario, forzando o erro na defensa branquiazul. Ao anterior hai que engadir unha dura loita por facerse co centro do campo na que ninguén saiu vencedor.
Con todo, o primeiro gol non tardou en chegar. Unha contra logo dun córner en contra que inicia Miki na banda esquerda, éste para Pablo Antas e asistencia a Hugo Sanmartín, no segundo pau, que non perdoou de volea. Un gran gol para asestar o primeiro golpe nunha guerra que só acaba de empezar.
Co resultado en contra foi o Ourense o que buscou crear algo máis de xogo sobre un campo onde o fútbol de toque parecía imposible, algo que aínda así buscou facer o cadro dirixido por Yago Iglesias. E se o adestrador branquiazul gañou a pelexa coa pelota en xogo, Fran Justo o fixo a balón parado. Así foi como o adestrador ourensán buscou facer dano e como asinou os dous goles. O primeiro, nun córner, chegou logo dun centro que intenta transformar Portela, rexeita Brais Abelenda na liña e non perdoa en segunda instancia Cassio marcando un gol ao Compos despois de dous meses e medio.
Non obstante, antes do tempo de lecer, aínda caería un novo gol a prol dos nosos. Minutos despois dunha dobre ocasión perdoada por Hugo Sanmartín primeiro e Brais Abelenda no rexeite, unha nova contra acabaría co de Bembibre marcando cando estaba caendo na área sufrindo á mesma vez un posible penalti que semellaba ser insuficiente para o colexiado.
De máis a menos.
O segundo tempo arrincou cun gran ritmo por parte dos dous equipos. A diferenza dos primeiros corenta e cinco minutos, os dous conxuntos saltaron coa intención de mover algo máis a pelota chegando, non obstante, unha acumulación de cartóns para os nosos xogadores e un escaso número de ocasións dende lonxe.
Aumentaba a tensión co paso do tempo e o Compos víase mellor co resultado favorable. Non obstante, o "outro fútbol", o de perder tempo, non parece ser tampouco unha boa opción esta tempada e o empate caeu no tempo engadido. Un novo córner mal defendido, Cassio salta máis que ninguén no segundo pau e superou a un Pato que volve encaixar dous goles nun partido como xa fixo contra o Estradense.
Un empate co que volven a Santiago os nosos dependendo de si mesmos para ser campións de inverno na casa a vindeira fin de semana contra o Arenteiro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario