Fin do primeiro acto

A primeira volta toca ao seu fin este domingo co primeiro dos dous partidos que os nosos xogarán de xeito consecutivo no Vero Boquete. Final dunha primeira parte do campionato que pode deixar ao Compos como campión de inverno, un dato que non deixa de ser anecdótico sen máis relevancia que arrincar a segunda volta con algo máis de moral. Ademais, os nosos buscarán un novo triunfo como locais que manteña esa imposibilidade para os rivais de sumar algún punto no Vero Boquete co posible 10 de 10. Para iso haberá que superar ao Arenteiro neste primeiro encontro na casa do 2020, ano que se presenta ilusionante á par que duro coa fase de ascenso no horizonte.


Fuxindo do perigo.
O obxectivo do Arenteiro non é outro que salvar a categoría un ano máis. O equipo dirixido por Gelucho chega a esta cita cun partido menos logo de non poder xogar na derradeira xornada do 2019 por mor do temporal. Aínda así, ocupan un posto na zona media da clasificación con catro puntos por enriba da zona realmente perigosa.
21 puntos logo de 17 xornadas suma un Arenteiro difícil de superar. Tanto é así que se trata do rei do empate na categoría con, nada máis e nada menos, que 9 empates sendo con diferenza o equipo que máis veces reparte os puntos. Unha igualdade que se mantén tamén entre as vitorias e as derrotas, con 4 en cada caso, e nos goles anotados e recibidos, 19 neste apartado quedando cun balance de 0 goles entre os asinados e os encaixados sendo o sétimo equipo con mellor defensa do campionato e o quinto que menos atopa o camiño á portería contraria.
Uns puntos que chegaron en gran medida en Espiñedo, onde o Compos despedirá a liga en maio, conseguindo só 8 a domicilio gañando en San Campio ao Pontellas e perdendo fronte Rápido de Bouzas e Racing Vilalbés. O resto, empates dos que falaremos máis adiante.
A nivel individual, destaca a figura dun ex do Compos. O central de Boqueixón Toño Vázquez deixou a Segunda B o pasado verán volvendo a Galiza nove anos despois de deixar o Compos para probar sorte nas filas do Lorca Atlético. A partires desa saída, unha longa carreira na Segunda B, onde se estreou co cadro santiagués, xogando en equipos tan importantes coma o Real Unión de Irún ou o Lleida. Ademais, está acompañado doutro ex integrante da Esedé, neste caso sendo dirixido por Yago Iglesias. É o caso de Mitogo, que buscará o seu segundo gol consecutivo na que foi a súa casa durante uns meses.

O rei do empate.
Só unha semana despois de enfrontarse ao equipo con menos derrotas do campionato, o Compos, que pode presumir de ser o que máis partidos gañados leva, terá que enfrontarse ao que máis veces empatou. Un partido que se presume complicado para os nosos, contra unha defensa que semella poboada e forte, sen case ocos.
Difíciles de superar, os de Gelucho deixaron a súa portería a cero ata en seis ocasións, lonxe dos case 800 minutos sen encaixar de Pato. E é que por aí pasa o seu xogo, por defenderse ben fronte ás acometidas dos rivais. Non obstante, a portería a cero e o gran número de empates non sempre van da man.
En tres ocasións, o Arenteiro pechou o partido con empate sen goles. En Espiñedo contra os dous filiais e nas Eiroas, os do Carballiño mantivéronse fortes atrás e incapaces de anotar. Por outro lado, ata en cinco ocasións repetiron o empate a un gol. Barco e Arosa non puideron saír do feudo verde cun mellor resultado mentres que as visitas Paiosaco e O Couto, neste caso fronte aos dous equipos ourensáns, remataron con ese resultado comezando por detrás no marcador en tres ocasións. O outro empate, no Poboado, con seis goles remontando un 2-0 antes do tempo de lecer.

Historia feita.
Dende mediados de outubro e ata a pasada fin de semana, Pato, coa axuda do resto do equipo, conseguiu un fito histórico. Acabou co anterior récord de Docobo e superouno con diferenza deixando a nova cifra en 798 minutos, logo de encaixar o primeiro gol fronte ao Ourense Clube de Fútbol.
Ao anterior hai que engadir a grandísima primeira volta que está a facer o equipo no traballo defensivo. 8 goles recibidos en 18 encontros sendo un dos mellores equipos, defensivamente falando, da historia da Terceira. Non obstante, lonxe quedan xa os 5 goles recibidos por Docobo na primeira volta da 89/90 así como os 6 encaixados polo Arosa na 92/93 e o Fabril na 2005/06. Unha cifra que aínda pode igualar son os 8 recibidos polo Centro de Deportes Barco na 91/92.

Cara e cruz.
Na pasada fin de semana, na primeira xornada do novo ano, os dous equipos sumaron puntos. O Compos non foi quen de gañar malia ir por diante durante todo o segundo tempo mentres que o Arenteiro non deixou opción a un Alondras que se mete en problemas despois de dúas derrotas contundentes.
Comezamos neste caso polos nosos. Un gol rápido de Hugo Sanmartín serviu para avisar de que o Compos buscaba abrir distancias con respecto ao cadro ourensán na táboa. Non obstante, Cassio aproveitou a primeira xogada a balón parado dos seus para superar a Pato e rematar así coa xeira do uruguaio. Mais, antes do tempo de lecer chegaría o segundo gol branquiazul, obra de Brais Abelenda. Cincuenta minutos durou a superioridade no luminoso... ata que nun novo córner, repetindo Cassio, empatarían os locais deixando todo igual, na derradeira xogada do partido.
Esa mesma tarde, no Carballiño, o Arenteiro tardaría en adiantarse fronte ao Alondras, intres antes de chegar ao tempo de lecer. Un partido que no segundo tempo tivo a sentenza local con goles de Wadir e Mitogo, sucedendo ao de Javi Rey. Un bo partido dos de Gelucho que queren seguir sumando por terceira xornada consecutiva.

Claro dominio histórico.
Compos e Arenteiro enfrontáronse xa en 14 ocasións, case sempre entre os anos 60 e 1990. Unha serie de partidos que contou cun vencedor moi claro. E é que o Compos gañou un total de 11 xogos con 3 empates máis, o que significa que o Arenteiro nunca foi quen de sumar de tres contra os nosos.
Numerosas goleadas ao longo da historia contra un equipo carballiñés que só foi quen de anotar un total de 4 goles, algo que dista moito dos 30 anotados polos branquiazuis. E disto sabe, e moito, Yago Iglesias.
Dende a chegada do adestrador ao banco branquiazul, ésta será a terceira tempada na que se midan os dous equipos. Triunfos nos dous partidos do primeiro curso, servindo o segundo en Espiñedo para asinar o campionato de liga, un empate e un novo triunfo para completar un bo final de liga pensando xa na promoción de ascenso.

10 de 10?
Logo de empatar tanto Barcelona coma Terrassa nas últimas semanas, son só tres equipos que manteñen o pleno de vitorias na casa na presente tempada. E entre eles atopamos a un Compos que quere pechar a primeira volta sen máis que gañar, algo que fixo o Rápido de Bouzas na 2016/17 cun 9 de 9 sendo o único no presente século en conseguilo.
Unha primeira volta única, histórica... pero non a mellor da historia branquiazul. Botando un ollo ao pasado, moi ao pasado, na 89/90, tempada da que estes días se fala bastante e que merece mención a parte, deixou aos nosos cun total de 32 puntos de 38 posibles, cando cada vitoria sumaba 2 puntos e non 3 como na actualidade. E é que, con Fernando Castro Santos, o equipo conseguiría o ascenso á Segunda B comezando cunha primeira volta con 14 vitorias, 4 empates e só 1 derrota, contra o Betanzos. Sería o comezo da mellor parte da nosa historia. 31 goles a favor e 5 en contra nesa primeira volta na que, coa puntuación actual, serían 46 puntos.

O campionato de inverno, en xogo.
Non é máis que anecdótico. Non pasan á historia. Mais esta fin de semana pode chegar outro campionato de inverno a Santiago. Mais, cantos campións de inverno manteñen ese posto ao final da tempada na Terceira galega? E cantos acaban facéndose co premio do ascenso?
Comezamos cunha ollada ás veces que o foi o Compos comezando coa tempada 2017/18. Con 42 puntos, os de Yago Iglesias superarían ao Bergantiños na táboa tanto no final da primeira volta coma do campionato regular, mais sen poder facerse co premio do ascenso. Antes, na 2011/12, na Preferente tampouco tivo rival conseguindo un ascenso cómodo. E o mesmo na 2008/09 sendo líder indiscutible boa parte do campionato e ascendendo contra o Atlético Monzón.
Por outro lado, Racing de Ferrol a pasada tempada e na 2012/13, Pontevedra na 2014/15, Ourense na 2011/12 e Fabril na 2009/10 conseguiron tamén ser campións de inverno, posteriormente de liga e ascender á Segunda B na fase de campións, sen máis complicacións.

En principio, sen baixas.
Yago buscará o pleno de triunfos e o campionato de inverno sen baixas, se non hai ningunha sorpresa nestes días. Josiño e Primo poderían estar xa recuperados das súas molestias que os deixaron fóra contra o Ourense CF e estarían xa para esta cita. Ademais, non conta aínda con baixas por sanción mentres que Jimmy e Baleato xogarán apercibidos de sanción puidendo perderse o enfrontamento contra o Alondras de ver un novo cartón amarelo.

Primeira do ano.
O ano acaba de comezar e xa temos aquí o primeiro partido do Compos no Vero Boquete. Un partido importante e que ninguén debería perderse. Unha cita que dará comezo o domingo ás 17 horas e para a que as entradas terán un prezo de 10 euros, sendo de balde para menores de 18 anos así como para aboados, que poden aumentar agora con prezos reducidos incluíndo toda a segunda volta e este derradeiro partido da primeira.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá seguirse o partido a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube así como escoitalo en directo a través de 'Esedé Radio', na web oficial do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario