Segunda parte

Arrinca a segunda volta do campionato co líder abrindo o seu segundo 'tourmalet' particular. Unha segunda metade da liga que comeza nun Vero Boquete do que non sae ningún punto dende o pasado mes de maio, cando gañou o Racing Vilalbés, e que medirá ao líder da categoría co Alondras, rival complicado malia o que poida dicir a clasificación e que non gaña na capital aos nosos dende 1966.


Tempada irregular.
O mercado de verán xa fixo ver que o nivel do Alondras non sería o mesmo que en tempadas anteriores e así o está a demostrar un equipo incapaz de atopar a regularidade nos seus partidos. E como mostra disto, o equipo cangués non foi quen de asinar dous triunfos consecutivos asinando unha xeira de sete partidos consecutivos sen coñecer a derrota achegándose aos postos altos da clasificación dos que, a día de hoxe, están moi lonxe.
Ocupando o posto 13 da táboa con 21 puntos, os homes de Pereira queren poñer fin a unha mala serie de resultados no campo máis difícil da categoría e un dos máis complicados de todo o fútbol español. E é que os morracenses só conseguiron 1 dos últimos 12 puntos en xogo e recibindo dous duros castigos a domicilio, encaixando en Redondela unha das maiores goleadas da tempada. A iso hai que engadir 24 goles a favor e 32 en contra, que o sitúan como o terceiro equipo que máis tantos encaixa, e que supuxeron 5 triunfos, 6 empates e 8 derrotas.
A domicilio, os seus números non son tan malos se os comparamos co do resto de equipos cos que pelexa por estar na zona tranquila. É, xunto co Silva, o mellor visitante da zona media-baixa e só superado polos seis primeiros clasificados grazas a conseguir un total de 10 puntos en campos coma Calabagueiros, o Novo Municipal da Estrada ou O Viso, onde conseguiron triunfar, así como na Grela, da que saíron vivos malia non ser quen de anotar no primeiro dos dous partidos que remataron sen goles. Por outro lado, nas catro derrotas encaixadas, foron quen de anotar polo menos un gol agás na recibida hai quince días a mans do Arenteiro en Espiñedo.
Trátase dun Alondras que, malia contar con problemas en defensa, conta cun bo potencial ofensivo, algo que queda demostrado cos trece goleadores diferentes que tiveron ao longo da primeira volta, con Luismi como o máximo artilleiro con 5 tantos. E entre eles atópanse tamén dous ex xogadores da Esedé que son un fixo nos plans do adestrador branquivermello: Jesús Varela e Iván Pérez sendo os dous unhas pezas chave sobre todo en traballos ofensivos.

Facendo historia.
Moitas veces dise que un campo é un fortín para o seu dono e poucas veces é tan claro coma nesta tempada para o Compos. Dende o pasado mes de maio non sae do Vero Boquete ningún punto cun pleno de triunfos na liga na presente campaña. Un 10 de 10 que, nas catro categorías principais do fútbol español, só pode igualar o Zamora, líder do grupo castelán-leonés da Terceira división que só perdeu dous puntos no que vai de tempada, e que ten moi de preto, cun partido menos, ao Poblense balear.
É, sen lugar a dúbida, a mellor tempada da historia da Esedé xogando como local e cos seus 45 puntos na primeira volta é tamén a mellor coa nova puntuación, xa que na tempada 89/90 terían sumado un total de 46 puntos de sumar de 3 con cada triunfo. Foi aquela tempada, a cal se está superando en canto a certas estadísticas, a mellor da historia branquiazul en moitos aspectos e o comezo da que sería a mellor parte dunha historia dirixida por Fernando Castro Santos. Tempada na que, por certo, o equipo sería campión cun total de 62 puntos, que se traducirían coas normas actuais en 89 puntos, e só 18 goles encaixados por Docobo, cifra aínda superable por Pato e compañía.

Vellos coñecidos.
Dende a primeira tempada da historia branquiazul na Terceira división, alá por 1963, ata o de agora, Compos e Alondras medíronse ata en 35 ocasións en 18 tempadas diferentes. Unha longa serie de enfrontamentos cun alto número de triunfos branquiazuis, con 18, fronte ás escasas vitorias morracenses, só 3. Ademais, 14 empates con só dous xogos sen goles.
En canto aos enfrontamento entre ambos os dous conxuntos en terras santiaguesas, os nosos gañaron un total de 14 partidos e caeron só nunha ocasión, alá polo ano 1966. A parte, 4 empates. Outro dato importante é que o Compos sempre marcou polo menos un gol na recepción do cadro cangués chegando a gañar por cinco e ata seis goles de diferenza nalgúns enfrontamentos e anotando un 8-3 hai algo máis de sete anos na maior goleada dos últimos anos.
E de goleadas pasamos á 'era Yago Iglesias' na que se igualaron un pouco máis as cousas. Contra un Alondras que vén de asinar dous anos consecutivos entre os catro primeiros, acompañando ao Compos na fase de ascenso, chegaron varias vitorias branquiazuis pola mínima. Dito achegamento desapareceu en 2019, cando os nosos gañaron os dous partidos por 4-1, tanto no Vero Boquete coma no Morrazo na primeira volta con goles de Brais Abelenda, Gabri e Miki por partida dobre.

Fin con puntos.
Compos e Alondras conseguiron pechar a primeira volta con tres e un punto respectivamente. Un triunfo branquiazul importante e un empate para os cangueses co que deixaron atrás unha serie de resultados bastante mellorables, sobre todo a domicilio. 
Comezamos neste caso por un Vero Boquete onde non puido puntuar tampouco o Arenteiro. Un partido onde os de Yago Iglesias tiveron que superar un duro muro defensivo para chegar á portería defendida por Rui. Con isto, foi polas bandas onde chegaron as mellores oportunidades. Brais Abelenda, facendo o mellor gol da xornada, asinou dous dos tantos mentres que Gabri pechou a vitoria e o campionato de inverno co terceiro cando levaba só oito minutos sobre o verde.
Menos sorte tivo o Alondras contra o Somozas no Morrazo. Un partido sen goles que deixaba aos dous equipos nunha zona complicada da clasificación.

Sen novidades. 
Logo das saídas de Alberto e Rodri, o Compos aínda non se moveu no mercado xogando a segunda xornada consecutiva cun plantel de 18 xogadores. Ao anterior hai que engadir que Primo podería ser baixa unha semana máis mentres que Josiño, despois de dúas fins de semana fóra dos terreos de xogo, podería volver. 

Non veñas so. 
Como medida excepcional, para este primeiro partido da segunda volta, o Compos permitirá que cada aboado poida ir acompañado doutra persoa que pasará totalmente de balde. Por outro lado, as entradas terán un prezo de 10 euros para non aboados e de balde tamén para menores de 18 anos. 
Por outro lado, para quen non poida asistir, poderá seguirse o partido a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Ademais, poderá escoitarse en directo en 'Esedé Radio', na web oficial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario