O Compos é de novo campión de inverno logo de superar sen complicacións a un Arenteiro moi defensivo. Un bo partido, aproveitando os escasos ocos na defensa carballiñesa que permite aos nosos manter a inmellorable xeira de vitorias na casa, con pleno na primeira volta, así como asegurar o primeiro posto unha semana máis. A todo iso hai que engadir a derrota do Ourense CF en Calabagueiros que deixa aos nosos máis líderes, con catro puntos por enriba do segundo e a oito dos valdeorreses, aínda que estes teñen un partido menos. Cun xogo menos está tamén agora o quinto clasificado, o Fabril, a catorce puntos do líder.
Contra un muro.
Como xa se prevía, o Compos sería o dono do balón dende o arrinque contra un equipo que, como xa é habitual, saiu cun once moi defensivo. Unha primeira liña formada por cinco defensas, unha segunda moi xunta con outros catro e dous atacantes que, ás veces, tamén baixaban a defenderse das constantes acometidas dun equipo que comezou con gañas e que, co paso dos minutos, foi de máis a menos en canto a intensidade.
A primeira incursión á área, aproveitando un oco na zaga verde, chegou cando aínda había xente sen ocupar os seus asentos na bancada. Unha xogada que tería dous nomes propios que se repetirían ao longo do partido: Brais Abelenda e Toño. Tal é así que nos pés do central de Boqueixón nace o primeiro tanto branquiazul.
No centro de operacións da Esedé nace o primeiro gol. Samu, que está a facer unha gran tempada, rouba o esférico a Toño e asiste a Brais Abelenda. A partir de aí, xa o que todos sabemos. Por undécima vez nesta primeira volta, o de Bembibre bate ao gardameta adiantando a un Compos que estaba a por algo máis sobre o verde do Vero Boquete.
Batendo rexistros.
Logo de media hora na que os nosos non foron quen de atopar un oco na defensa carballiñesa, apareceu de novo Brais Abelenda. Xa no segundo tempo e sabedores do perigo que supón un resultado curto, había que aumentar a vantaxe. Unha xogada que comeza nas botas de Miki, un perigo constante pola banda dereita, e este asiste para o máximo artilleiro branquiazul que, en caída, pica a pelota por enriba do gardameta. Un gran gol co que, só nesta primeira volta, xa iguala os goles asinados por el mesmo a pasa tempada.
Partido sentenciado e o Arenteiro con pouca idea para intentar, como mínimo, recortar diferenzas. A iso hai que engadir que coa entrada de Gabri ao terreo de xogo aumentou a fame ofensiva dun Compos que iguala ao Ourense como o equipo máis anotador do grupo. E foi o propio dianteiro de Moaña o encargado de anotar o terceiro e definitivo aproveitando un balón morto na área logo dun intento de disparo de Saro.
Un resultado moi positivo nun partido doado para os nosos no peche da primeira metade dun campionato que se pon de cara. E agora, co segundo partido consecutivo na casa, arrinca un novo 'tourmalet' onde media liga pode estar en xogo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario