A segunda metade do campionato comezou do mellor xeito posible. Un Compos que non amosou o seu mellor nivel superou pola mínima a un Alondras impreciso e que tivo a súa oportunidade no treito final do xogo. Así, o equipo de Yago Iglesias mantén a súa xeira de vitorias na casa e suma o seu segundo partido consecutivo sen encaixar, sendo o sexto consecutivo no que Pato consegue deixar a porta a cero no Vero Boquete. Outro dato positivo é a estrea de Pablo Antas de cara a gol sendo o autor do gol que daba o triunfo aos nosos no segundo tempo.
Por pouco.
Un primeiro tempo espeso que rematou sen goles e con boas ocasións para o Compos comezou con igualdade. Ante as dúbidas para saír coa pelota dos nosos e os problemas para superar unha poboada defensa, as únicas opcións partían por crear perigo pola banda esquerda con Hugo Sanmartín e Jimmy como xogadores máis determinantes, aínda que freados en maior medida por unha rápida defensa que deixaba ao lateral branquiazul en constante fóra de xogo.
As ocasións sobre a portería defendida por Ayoub tiveron, coma sempre, un nome propio que non foi outro que o de Brais Abelenda. O de Bembibre foi o autor das grandes oportunidades levadas a cabo por un Compos que foi de menos a máis sendo incapaz de atopar o camiño do gol nun primeiro tempo sen gran ritmo.
Merecida estrea.
O gol sería cuestión de tempo. O Compos saiu ao segundo tempo coa intención de desfacer o empate inicial canto antes con Baleato e Miki probando a Ayoub nos primeiros intres da segunda metade. Non obstante, foi Pablo Antas quen, logo dun toque de Brais Abelenda, finalizou unha das xogadas máis claras do partido na área pequena. Un bo gol do lugués para inaugurar o marcador e a segunda volta da mellor forma posible.
Co resultado favorable, o ritmo volveu baixar. A pelota foi de dominio branquiazul contra un Alondras que tentou dar un paso máis adiante rumbo á portería ben defendida por Pato. Non obstante, non sería ata os minutos finais cando os de Pereira, que tivo que ver o final do encontro dende o túnel de vestiarios por protestar un posible penalti, puxeron en serios apuros aos locais.
Co Alondras buscando o empate, puido tamén chegar o segundo dos nosos cunha dobre oportunidade que sacou o gardamallas en primeira instancia e o longueiro de segundas evitando un resultado maior.
Agora, o equipo terá dúas fins de semana consecutivas lonxe da casa coas que manter o primeiro posto e a vantaxe con respecto aos seus perseguidores, co Barco xa fóra da pelexa polo primeiro posto da clasificación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario