Mellorando o ataque

Por se non era suficiente o gran nivel do ataque branquiazul, o Compos reforza o seu plantel cun vello coñecido que defendeu as cores na última tempada na Segunda B. Javier Fernández Abruñedo, máis coñecido no mundo do fútbol como Bicho, volve ao Vero Boquete tres anos e medio máis tarde chegando, de novo, no mercado de inverno. Non obstante, e como diferenza importante, o sadense chega logo de comezar o presente curso sen equipo, logo de non renovar a súa continuidade co Deportivo.
Bicho arrincou a súa carreira sendo unha promesa deportivista mais as lesións non permitiron que este mediocentro ofensivo puidera amosar todo o seu nivel nas filas do cadro coruñés. Con isto, buscaron diferentes cesións nas que puidera recuperar o seu xogo pasando por equipos coma o Barça B ou Leganés, onde non chegou a debutar, tendo os seus mellores partidos no Compos ás ordes de Fredi e no Racing de Ferrol, onde puido contar con regularidade nos plans do adestrador verde.
Foi en Santiago onde gozou da súa mellor porcentaxe goleadora con 3 goles en 17 partidos sendo un dos mellores atacantes do curso malia chegar na segunda volta. Uns goles que non serviron para manter a categoría mais si para gañar no Vero Boquete ao Izarra e na Malata e Aranda de Duero noutros dous xogo cando o equipo xa non tiña opcións.
Non obstante, foi en Ferrol onde contou coa regularidade que merece un xogador da súa calidade. 34 partidos xogados e 4 goles anotados aos que engadir un máis na vitoria verde sobre o Zamora na Copa do Rei. Unha sorte, sobre todo respecto ás lesións, que non tivo nas dúas últimas tempadas nas filas do Fabril sumando un total de 21 partidos de liga 2 de promoción de ascenso, coñecendo a mellor parte da Segunda B, os postos altos, así como o peor, pechando a súa vinculación co filial deportivista cun descenso á Terceira división.
Agora volve a Santiago cun contrato ata final de tempada, prorrogable no caso de lograr o ascenso á Segunda B, co que volver a sentirse futbolista ás ordes de Yago Iglesias e completando un ataque que, sen dúbida, está a dar moi boas tardes de fútbol á parroquia branquiazul e ao fútbol galego en xeral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario