A primeira a domicilio do ano

O Candocia agocha a primeira vitoria do ano, e da segunda volta, a domicilio para un Compos que quere seguir polo camiño do triunfo. Logo de superar ao Alondras nun partido pouco vistoso, os de Yago Iglesias buscarán superar a un Somozas incapaz de saír da parte baixa da clasificación. Por outro lado, non deixa de ser un campo moi difícil para os intereses branquiazuis, onde non son quen de sacar bos resultados.


Moi preto do lume.
Esta tempada está moi igualada na parte máis baixa da clasificación e non hai mellor mostra disto que ver os só dous puntos de diferenza entre o Bergantiños, actualmente ocupando a décimo oitava posición, e o propio Somozas, agora mesmo duodécimo na táboa. Con isto, o equipo somocense é incapaz de fuxir do perigo malia puntuar nas últimas datas contra rivais directos mantendo a oportunidade de volver aos postos máis baixos de non conseguir sumar fronte ao líder.
Con 22 puntos conta agora mesmo o equipo logo de superar a pasada fin de semana ao Silva na Grela asinando un comezo de segunda volta igualado á par que suficiente para afastarse do conxunto carballés durante sete días máis. Isto conseguírono grazas a 5 vitorias, 7 empates e 8 derrotas, sendo un dos equipos que máis veces remata co resultado igualado. En canto aos goles, asinaron un total de 22 goles, aproveitando ben cada vantaxe, e encaixaron un total de 30 sendo o sexto equipo con peor defensa do campionato.
Boa parte deses puntos chegaron, como é habitual, no seu campo. O Alcalde Manuel Candocia non é o fortín desexado polos seus nas últimas datas, onde só conseguiron 1 dos últimos 9 puntos en xogo, mais non deixa de ser a fonte de 13 dos seus puntos encadeando 5 xornadas como local sen coñecer a derrota. En total, 3 vitorias, dúas delas pola mínima; 4 empates, todos con goles, e outras 3 derrotas conseguindo marcar en todos os seus partidos na casa agás na derrota a mans do Racing Vilalbés.
A nivel individual, está claro que o equipo perdeu algunhas das súas mellores pezas no pasado verán. Non obstante, contan con Luis Nuño, parte vital do equipo e autor de case a metade dos seus goles. O autor de 10 goles en total e que se perderá o encontro contra os nosos por acumulación de amoestacións.

Bo arrinque.
Tanto Compos coma Somozas comezaron a segunda volta con vitoria pola mínima. Dous triunfos dos equipos que se medirán este domingo para manter polo bo camiño os seus respectivos obxectivos, un tanto diferentes, cos nosos liderando a clasificación dúas xornadas máis grazas aos catro puntos de diferenza sobre o Ourense CF. Máis traballo terá o cadro da Ferrolterra para seguir fóra duns postos de descenso que se presumen caros esta tempada.
No Vero Boquete, o Compos non fixo o seu mellor partido contra un Alondras que buscou o empate sen goles. Sen gran ritmo, sen fluidez no xogo e escasas oportunidades de gol, aínda que moi claras, o gol tivo que chegar nas botas de Pablo Antas, que se estreaba como goleador coa camisola branquiazul.
Máis emoción houbo sobre a herba artificial da Grela. Ao tempo de lecer chegouse con empate grazas aos goles de Daniel para os visitantes e de Marcos para os coruñeses. Dita igualdade mantívose na segunda parte onde Luis Nuño anotaría o segundo nos primeiros intres pero que empataría Xusto minutos despois. Non obstante, de novo dende as botas de Luis Nuño, volvería adiantarse un Somozas que rematou con dez pola expulsión de Uzal no primeiro tempo.

As Somozas, territorio complicado.
O Somozas sempre se presume un rival complicado para o Compos. Tanto é así que as visitas a Pardiñas son sempre unha proba de lume dende que no 2008 se enfrontaran por primeira vez. E foi nese partido, na Terceira división, onde chegaría o triunfo máis importante para os nosos e que se diferencia moito do que pasou o pasado ano, cando gañaron os locais.
Seis visitas ás Somozas do Compos nos últimos 12 anos remataron con dous triunfos visitantes, tres empates e un triunfo local que chegou na última ocasión. Nese partido, dos peores dende a chegada de Yago Iglesias, Gerardo adiantou aos somocenses mentres que Alex Ares asinaría o empate antes do tempo de lecer. No segundo tempo chegarían os outros dous goles locais, obra de Alex Pérez e Daniel.
Por outro lado, na primeira volta chegaría un dos mellores resultados para os nosos nesta 'era Yago Iglesias'. Nun gran encontro dos nosos e fronte a un Somozas que non presentou moita oposición, Brais Abelenda, Jimmy e Juan Gabriel en propia porta sentenciarían a batalla en menos de quince minutos, xa no segundo tempo.

A domicilio non é o mesmo.
Un gran xogo e uns resultados inmellorables. O Compos está a facer unha tempada histórica e que fai recordar á da tempada 89/90, con Fernando Castro Santos no banco e que sería o inicio da época dourada. Non obstante, eses resultados non son tan positivos lonxe do Vero Boquete. Os campos cunhas medidas inferiores e, en moitos casos, a herba artificial frean o estilo do mellor equipo da categoría.
Se ben é certo que o equipo non perde dende o mes de outubro, cando caeu no Couto, e que as dúas veces que o fixo foi pola mínima, os resultados e, sobre todo, o xogo do Compos lonxe do Vero Boquete non é o mesmo. Nos tres últimos meses, o equipo foi incapaz de marcar en As Pontes e Paiosaco mentres que houbo que sufrir, e moito, para gañar en Vilalba e Pontellas. Por outro lado, o partido máis importante da primeira volta pechouse cun gol do Ourense CF no engadido que poñía o empate no luminoso.
Un total de 4 vitorias e 3 empates, só este último con goles, deixan ao Compos na cuarta praza na clasificación de visitantes malia só caer en dúas ocasións, ambas as dúas pola mínima en Carballo e Ourense. Ademais, foi lonxe do Vero Boquete onde chegaron a maior parte dos goles encaixados recibindo só máis dun no empate entre os dous primeiros clasificados.

Jimmy, baixa.
Se xa diciamos que no Somozas haberá as baixas de Uzal e Luis Nuño por sanción, no Compos non será menos. Jimmy viu o quinto cartón amarelo fronte ao Alondras, único cartón visto por un dos nosos nas dúas últimas fins de semana, e cumprirá ciclo para afrontar seguro o 'tourmalet' branquiazul. Por outro lado, Baleato segue unha semana máis apercibido de sanción e podería debutar Bicho, última fichaxe xa oficial e coa que se pecha o plantel de 19 xogadores.

Á conquista da Ferrolterra.
O Compos quere volver gañar na comarca ferrolá este domingo. O Alcalde Manuel Candocia abrirá as súas portas para acoller un dos partidos da xornada ás 17 horas e as entradas terán un prezo de 10 euros para todos os afeccionados santiagueses que queiran desprazarse. 
Para quen non poida asistir, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario