Comezamos o 'tourmalet'

A parte máis complicada do campionato xa está aquí. Boa parte da clasificación para a promoción de ascenso pasa polo seguinte mes e medio de campionato onde os nosos terán por diante duros rivais coma o Bergantiños, o Rápido de Bouzas, a UD Ourense ou o Centro de Deportes Barco, rival deste domingo en Calabagueiros. Será, ademais, a oportunidade perfecta para que os nosos busquen a primeira vitoria en terras valdeorresas ao longo da historia sendo, a día de hoxe, o único campo do grupo do que os nosos non foron quen de sacar os tres puntos.


Un mal momento.
O Barco comezou a tempada deixando claro que sería un rival pola promoción de ascenso ata o final da mesma. Un equipo forte, que ata hai ben pouco mantiña as opcións de ascender ao posto máis alto da táboa, e que non está a pasar por un bo momento. E é que logo de encadear 11 vitorias e 1 derrota dende as xornadas 4 e 15, a sorte desapareceu por completo para o actual terceiro clasificado, capaz de facerse só con 3 dos últimos 15 puntos en xogo.
Actualmente, o equipo do Barco de Valdeorras suma 37 puntos, quedando a 10 do segundo posto, 14 do primeiro e meténdose nun problema co Fabril, quinto, a só tres puntos, aínda que neste caso os dous equipos contan cun partido menos. Para isto sumaron un total de 12 triunfos, 7 derrotas e só 1 empate, fronte ao Arenteiro en Calabagueiros na primeira xornada do campionato. A parte, un total de 30 goles a favor e 28 en contra recibindo a metade dende o mes de novembro deixando só a porta a cero en tres partidos ao longo da tempada, sendo un deles na vitoria fronte ao Ourense CF hai escasas semanas.
Boa parte de que o obxectivo valdeorrés vaia por bo camiño é grazas aos seus partidos en Calabagueiros. Un campo do que só puideron saír cos tres puntos o Alondras e o Arenteiro, sendo quen tamén de deixar a porta a cero nun dos campos máis difíciles da categoría. Por contra 8 triunfos entre os que destacar a vitoria pola mínima fronte ao Ourense CF ou a goleada contra o Somozas, sendo éste o único triunfo na casa por máis dun gol de diferenza.
por outro lado, a nivel individual, nun equipo cun gran potencial ofensivo con figuras coma Ivi Vales ou David Álvarez, agora mesmo o principal perigo non é outro que Juanito Bazo. O dianteiro gaditano é un perigo constante para as defensas rivais e autor de, arestora, 11 goles.

De tres en tres.
O Compos é, sen dúbida, o gran favorito de todos para levarse este ano o primeiro posto da clasificación. Non obstante, para un equipo que suma máis de tres cuartos da tempada con vitorias, está a ser imposible encadear máis de tres triunfos consecutivos, algo imposible dende o comezo da pasada campaña.
Tanto as derrotas en Carballo e Ourense coma os empates tanto na Porta Santa coma no Couto, chegaron para acabar con xeiras de tres triunfos consecutivos dos nosos. E, seguindo ese guión, o equipo volverá de novo do Barco de Valdeorras sen os tres puntos xa que despois do empate fronte ao Ourense CF no engadido, o equipo superou a Arenteiro, Alondras e Somozas sumando os 9 últimos puntos en xogo.
Quen tamén vai polo bo camiño é Brais Abelenda. O de Bembibre suma xa tres saídas consecutivas vendo portería e un total de 4 goles dende que comezou o novo ano. Un xogador que está a cubrir á perfección a ausencia de Primo polo centro do ataque e que xa suma 13 goles na súa conta particular, sendo a súa mellor campaña de cara a porta con aínda moito por xogarse.

Territorio imposible.
Dende 1987 e ata o pasado 2019, o Compos non sabe o que é gañar en Calabagueiros. Un campo, ata o de agora, imposible para os nosos e do que só saíron dous puntos en forma de dous empates cara Santiago, xa con Yago Iglesias no cargo de adestrador branquiazul.
Entre finais dos 80 e comezos dos anos 90, incluíndo unha tempada para a historia como foi a 89/90, foron 4 as visitas branquiazuis a Valdeorras e cero puntos que volveron no bus cara a capital galega. Unha sorte que cambiou un pouco coa chegada de Yago Iglesias encadeando dous empates repetindo o 1-1 no marcador. Non obstante, na última ocasión non se puido sacar un bo resultado caendo pola mínima nos minutos finais con gol de Juanito Bazo.
Máis sorte houbo no Vero Boquete na primeira volta, onde a vitoria si caeu para o lado branquiazul. Un partido cunha alta dificultade como ben o demostra o resultado, curto e modificado a cinco minutos para o final grazas a un gol de Jimmy.

Resultados curtos.
A segunda xornada desta segunda volta non puido rematar ben para os intereses dos valdeorreses mentres que a Esedé sumou de tres unha semana máis. Unha fin de semana que pouco puido deixar contentos a uns e do que saíron ben reforzados, sobre todo moralmente, os outros.
Dous equipos en horas baixas median forzas no Morrazo. Un Alondras que chegaba despois de seis xornadas sen gañar contra un Barco con tres derrotas nas catro xornadas anteriores. E sobre o verde foi o equipo máis necesitado o que, cun gol no segundo tempo, asinou un triunfo importantísimo tanto para a clasificación coma para o estado anímico deixando algo tocado a un Barco que quere levantar cabeza este domingo.
Outro que tampouco vendeu cara a súa pel foi o Somozas. O equipo da Ferrolterra quixo complicar a vitoria branquiazul malia contar cun partido case perfecto de Hugo Sanmartín e Miki. De feito, foi o vigués o autor do primeiro gol dos nosos mentres que Brais Abelenda anotaría o segundo. Por medio, Eloy igualaría o encontro por algo menos de cinco minutos.

Están de volta.
Para esta segunda saída consecutiva hai a volta de Jimmy logo da sanción a pasada fin de semana. Ademais, podería ter algo máis de tempo Josiño, que contou con escasos minutos no treito final en Pardiñas, e estrearse Bicho se así o ve oportuno Yago Iglesias. A parte, o equipo terá a ausencia por primeira vez de Mon, que esta mesma mañá anunciou a súa saída da Esedé. 

Prezo elevado. 
Cada saída do Compos a Valdeorras supón un aumento nos prezos das entradas. Tal é así que esta campaña os prezos das entradas para a afección branquiazul en Calabagueiros, este domingo ás 17:15 horas, é de 13 euros de adquirila de xeito anticipado nas oficinas do Vero Boquete ou na Tenda oficial, na Rúa da Raíña. Por outro lado, nas billeteiras do campo o día do partido o prezo será de 15 euros e de balde para menores de 16 anos. Por isto e máis, non se prevé desprazamento branquiazul. 
Por contra, para quen non asista, poderase seguir a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario