Logo das saídas de Alberto e Rodri, a terceira baixa deste mercado de inverno é a de Mon. O capitán do Compos abandona o equipo despois de cinco anos e medio formando parte do primeiro equipo. Unha das pezas que se estreou no primeiro equipo na Segunda B ás ordes de Iñaki Alonso logo dun ano no Grixoa. Un futbolista saído da base e que demostrou amor ás cores durante estes anos nos que participou na tempada do descenso así como nas dúas últimas fases de ascenso, sendo unha peza importante para Yago Iglesias ata a presente campaña, onde perdeu protagonismo.
Debut e titularidade con Iñaki Alonso.
Mon debutou nas filas do Compos no ano 2015. Un partido fronte ao Celta B no que entrou substituíndo a Manu Rodríguez no segundo tempo, cando xa perdían os nosos 0-2 con goles de Borja Iglesias e Thaylor. Finalmente, ese partido remataría con triunfo vigués pola mínima grazas a un gol de Jimmy. Nesa mesma tempada acabaría participando en 4 encontros sumando un total de 85 minutos.
A súa primeira titularidade oficial chegaría na seguinte tempada. El Plantío sería o lugar onde este santiagués de 21 anos faría a súa estrea no once titular da Esedé xogando un total de 58 minutos e deixando ao equipo por enriba no marcador grazas a un gol de Sergio Sánchez. Un total de 17 partidos, 9 deles como titular, e nos que anotaría un total de 3 goles vendo portería por primeira vez na derrota por goleada fronte ao Coruxo no Vao, anotando o único tanto dos nosos. Ademais, participaría no empate contra o Lealtad e na vitoria fronte ao Atlético Astorga, ambos os dous no Vero Boquete.
Con Yago, tamén importante.
A chegada do novo adestrador na Terceira división supuxo que Mon, que renovaría de novo a súa permanencia no clube, pasara a ser un dos capitáns e peza fundamental ás ordes de Yago Iglesias. 30 partidos na súa primeira campaña na Terceira deixando 4 goles e demostrando un gran liderazgo dentro do terreo de xogo.
36 partidos de liga e un na fase de ascenso, en Terrassa, foron os seus números na campaña onde os nosos foron campións de liga. Un gran equipo no que superou os 2700 minutos en partido oficial quedando, nesta ocasión, cunha cifra de goles menor facendo un dobre pivote defensivo con Samu do mellor da categoría.
E foi esa mesma parella de centrocampistas a que, xunto co resto de compañeiros, asinou un novo ano entre os catro mellores do grupo. 33 partidos na pasada campaña entre liga, Copa do Rei e fase de ascenso marcando un total de 2 goles e freando unha mala xeira dende os once metros logo de que os nosos erraran penaltis nas xornadas anteriores.
E perda de protagonismo.
Unha revolución no centro do campo branquiazul, coa chegada de Baleato e Pablo Antas para acompañar a Samu na zona de creación, deixou ao santiagués nun segundo plano. Menos de 300 minutos repartidos en 11 encontros con só 2 titularidades, ambas as dúas lonxe do Vero Boquete e quedando sen ver portería no que vai de curso coa camisola branquiazul. Con isto, o clube e el decidiron buscar unha solución e Mon xogará o que resta de tempada lonxe de Santiago.
Dende a Curva Branquiazul queremos desexarlle moita sorte e agradecerlle todo o realizado co equipo durante estes anos. Moitas grazas, capitán!

Ningún comentario:
Publicar un comentario