Este Compos puxo a directa á Segunda B no mes de agosto e polo camiño queren ir acabando con algunha que outra estadística negativa que acompañaba ao equipo. E é que despois de gañar por primeira vez en Vilalba e a un equipo dirixido por Rafa Sáez, Yago Iglesias e o seu equipo non quixeron desaproveitar a oportunidade de cambiar a historia no Barco de Valdeorras, onde os nosos non sabían aínda o que era gañar. E, amosando un nivel moi superior a un Barco en horas baixas, chegou a maior goleada do que vai de liga para os nosos nun dos campos máis complicados da Terceira e contra o que era, ata o final do encontro, o terceiro clasificado. Triunfo contundente que servía ademais para espantar ás pantasmas que aparecen nos partidos dos nosos lonxe do Vero Boquete. Cos goles de Hugo Sanmartín, Pablo Antas e Primo, ata en tres ocasións, na que foi a estrea de Bicho na Esedé esta campaña.
Primeiro tempo sen erros.
A parte máis dura do campionato comezou cun Compos moi metido no xogo. Con dúas marchas máis ca o rival, a primeira chegada con algo de perigo tardou escasos segundos dende o arrinque pasando un par de minutos máis ata a primeira intervención do gardamallas local, que non tivo nin de lonxe unha boa tarde. Tal foi así que o propio Oviedo serviu como asistente para Primo no seu primeiro tanto da tarde cun balón que non acerta a despexar ben e que non desaproveita Primo abrindo a lata pasados os vinte minutos de xogo.
Foi o cántabro tamén unha parte moi importante no segundo gol branquiazul, que chegaría só cinco minutos máis tarde. Nova chegada á área, intenta xogar a pelota Primo mais peta na man dun defensa. Penalti que non dubida en sinalar o colexiado e Pablo Antas non perdoa. Nin media hora e o Compos xa tiña o partido onde quería.
A superioridade, moi clara, mantívose tamén co marcador a favor. Ata o tempo de lecer serían dúas ocasións máis as que levarían ao Compos a case asinar a sentenza con Pablo Antas e Hugo Sanmartín, que non tardaría en facer o seu gol, como autores das ocasións máis claras.
Sen opcións.
Sen dar lugar a sorpresas, o Compos precisou poucos segundos en crear a xogada que suporía o terceiro da tarde e xa a sentenza con todo o segundo tempo por diante. Nova acción na área valdeorresa e nova man que evita o gol branquiazul. Segundo penalti do xogo e de novo pola mesma razón. Non obstante, para variar, foi Hugo Sanmartín o que non perdoou neste caso dende os once metros.
E como non hai tres sen catro... apareceron as dúas últimas incorporacións branquiazuis para aumentar unha conta xa elevada á par que xusta en relación co que se estaba a ver sobre o verde. Bicho chega pola banda e pon a pelota na área para que Primo se desfaga dun defensa cun caneo e marque o seu segundo tanto no encontro.
Con catro goles de vantaxe baixou a intensidade do xogo. O Compos mantívose superior mais sen arriscar demasiado, xa pensando no Bergantiños. Aínda así, chegaría un quinto gol co que pechar xa definitivamente a goleada. Un gol que comezaba nas botas de Jimmy, servindo o balón na área para Primo, e que remataría nas do dianteiro cántabro logo de desfacerse dunha defensa que deixou moito que desexar.
Con esta goleada, o equipo pensa xa nun Bergantiños que goleou pola mesma diferenza ao Alondras. Un partido onde non poderá estar Baleato por acumulación de amoestacións e que podería servir para sumar a quinta vitoria consecutiva mantendo o bo camiño no Vero Boquete.

Ningún comentario:
Publicar un comentario