O Compos segue camiñando cara o obxectivo dunha promoción de ascenso cada vez máis preto. O equipo de Yago Iglesias sufriu para gañar no Alcalde Manuel Candocia contra un Somozas que a piques estivo de empatar no engadido sumando tres puntos de ouro para manterse no máis alto e cunha vantaxe importante sobre o Ourense Clube de Fútbol, segundo clasificado, a sete días de arrincar o 'tourmalet' particular dos nosos en Calabagueiros. Unha vitoria que, ademais, chega acompañada da derrota do Fabril e os empates de Barco, Arosa, UD Ourense e Choco deixando aos nosos con máis de 50 puntos e a 17 do filial deportivista, aínda cun partido menos.
Polas bandas.
Miki e Hugo Sanmartín convertíronse, unha semana máis, en pezas fundamentais para o ataque branquiazul. Foron dende o comezo unha constante entrada de balóns para un Brais Abelenda incapaz nos primeiros corenta e cinco minutos de poñer en risco a portería verdibranca. De feito, ninguén foi quen de crear o perigo suficiente sobre a meta de Marcos malia dominar sen grandes complicacións a posesión do esférico, elaborando o xogo habitual mais sen a fortuna precisa.
Outro que tampouco contou con serios problemas para manter a súa portería a cero neste primeiro tempo foi Pato. O gardamallas branquiazul puido estar tranquilo ata o tempo de lecer para, logo, pasar un segundo tempo non tan bo.
Caeron todos xuntos.
O segundo tempo arrincou con maior intensidade, sobre todo nas dúas áreas. Tal foi así que nin cinco minutos tardou Hugo Sanmartín en adiantar aos nosos aproveitando unha asistencia de Miki pola banda marcando a pracer. Bo gol fabricado polos dous mellores xogadores do equipo nunha dura tarde que se complicaría poucos minutos despois.
Só dez minutos despois do gol branquiazul, o Somozas buscou meter unha marcha máis e, aproveitando un erro defensivo, asinaron o tanto do empate materializando Eloy un centro lateral. Un pequeno paso atrás no partido que demostraba que a solidez do equipo non é igual na casa que a domicilio.
Por sorte, o teléfono non tardou nin cinco minutos en soar. O teléfono da Segunda B volveu poñerse en contacto con Brais Abelenda e este respondeu cun bo gol dende a frontal aproveitando un mal despexe do gardameta local sendo a terceira saída consecutiva na que o dianteiro de Bembibre ve portería.
Por diante, media hora máis sen grandes complicacións para un Compos que dominou o xogo mais sen a fortuna de ampliar a vantaxe coa que chegar máis tranquilo ao treito final. E como nota negativa antes do final, un golpe de Pablo Antas que, non obstante, aguantou sobre o terreo de xogo descartando unha lesión importante.
Merece mención tamén o final do Somozas conseguindo meter o medo no corpo dos nosos xa no engadido con dúas ocasións que non chegaron a bo porto e que fixeron lembrar o final do partido fronte ao Ourense CF hai só tres semanas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario