Triunfo con récord

O Compos superou ao Pontellas nun partido con dominio branquiazul de principio a fin onde o máis importante foi o récord asinado por Pato. O gardamallas uruguaio supera os 652 minutos de imbatibilidade conseguidos por Docobo hai trinta anos e sitúa, de momento, a cifra en 687 minutos. Un partido no que, ademais, conseguiu ver portería Gabri Palmás e Brais Abelenda aumentou a súa conta particular unha semana máis facendo o que sería o tanto da sentenza diante dun Pontellas que non foi quen de poñer en risco á defensa da Esedé, que tivo unha tarde cómoda en San Campio. 

Faltou o gol. 
O primeiro tempo foi de completo dominio dos homes de Yago Iglesias. Pechando ao Pontellas no seu propio campo, as ocasións sobre a portería defendida por Toni non tardaron en chegar comezando cunha falta dende a frontal que a piques estivo de transformar un Pablo Antas moi activo en labores ofensivos. Non obstante, a mellor oportunidade a tivo, tamén antes dos dez minutos de xogo, Hugo Sanmartín a centro de Gabri Palmás cun testarazo imparable rematando nun gol anulado por fóra de xogo.
Sen case saír de campo contrario, as ocasións sucedéronse sen a sorte precisa e con, de novo, un Pablo Antas que mandou á madeira unha nova ocasión dende a área porriñesa. E é que o lucense foi o autor das mellores oportunidades probando dende posicións algo máis afastadas. Malia todo, a pelota non quixo entrar nun primeiro tempo case perfecto. 

Por partida dobre. 
Un segundo tempo para a historia arrincou cunha primeira chegada perdoada polos nosos, cun balón ao que ninguén foi quen de chegar demostrando de novo a boa fortuna de cara á área local. Máis puntería, e mesma sorte, tiveron Hugo Sanmartín, Brais Abelenda e Primo sen ser quen de bater a Toni, algo que si puido facer Gabri Palmás. O dianteiro de Moaña transformou unha nova falta preto da zona de perigo que xoga Pablo Antas con Soto e o central non dubida á hora de poñer un pase da morte que non chega o dianteiro cántabro mais si o ex do Choco, que abría o marcador nun partido que xa facía lembrar ás saídas a Paiosaco e As Pontes.
O gol de Gabri non só servía para celebrar a apertura dun novo triunfo senón que, ademais, chegaba no momento no que Pato superaba o récord histórico de imbatibilidade dun Compos que promete facer grandes cousas neste curso na Terceira división. 
Co resultado favorable, a intensidade baixou mais sen permitir ningunha posibilidade de empate dun Pontellas que non foi quen de achegarse a Pato tampouco no segundo tempo. Aínda así, chegaría un segundo gol, un golazo, antes do final. Unha vaselina de Brais Abelenda aproveitando a saída de Toni deixaba sen opcións aos porriñeses e colocaba, de xeito temporal, ao Compos como novo líder da Terceira. 

Superado o Pontellas, xa só queda un novo partido antes das vacacións. Será a vindeira fin de semana no Vero Boquete contra un Choco que chegará a Santiago coa intención de rachar a xeira inmaculada do Compos na casa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario