Por acabar o ano no máis alto

O 2019 remata e o Compos quere facelo no máis alto da clasificación. Unha maneira de pechar este ano na casa coa intención de manter o bo traballo en defensa, o pleno de vitorias no Vero Boquete e abrir algo de distancia con respecto a un Choco que é quinto a día de hoxe e coa oportunidade de, gañando, entrar nos postos de promoción de ascenso nunha cuarta praza con moitos aspirantes.


Un dos grandes visitantes.
O Clube Deportivo Choco quere este ano acadar por terceira vez na súa historia os postos de ascenso á Segunda B e así o ven demostrando dende que arrincou a tempada. Os homes de Gonza fixeron un gran comezo encabezando a clasificación durante as primeiras xornadas grazas a unha gran regularidade que os levou a sumar cinco vitorias e un empate nas seis primeiras xornadas. Non obstante, entraron nunha mala dinámica e dende ese triunfo fronte ao As Pontes e ata o presente mes de decembro só foron quen de gañar na Porta Santa caendo postos na táboa. Mais o nivel volveu na recepción do Ourense CF en Santa Mariña, onde conseguiron empatar fronte ao líder, e mantiveron de novo ese bo estado de forma con dous triunfos consecutivos incluíndo unha goleada con remontada incluída sobre o Alondras a pasada fin de semana.
Con 28 puntos, só un menos que o Alondras e un máis que o Fabril, o Choco ocupa a quinta posición dunha clasificación moi dividida. Un equipo que asinou un total de 8 triunfos e 4 empates e outras tantas derrotas. Equipo que soubo aproveitar ben os seus 23 goles a favor, servindo todos menos un para puntuar, pero que ten o seu punto forte nunha defensa que recibiu só 15 tantos sendo a cuarta mellor do campionato. 
Un Choco que aínda sendo forte en Santa Mariña, conseguiu a maior parte dos seus puntos a domicilio. Cun total de 16 puntos lonxe de Redondela, grazas a 5 vitorias e 1 empate en 8 saídas, só Vilalba e Somozas se lle resistiu caendo nas dúas citas pola mínima. Por un gol de diferenza tamén foron case todos os seus triunfos, agás o conseguido na Porta Santa por 0-2 encaixando un total de 4 goles a anotando 8. 
A nivel individual, hai que salientar a figura dun dos grandes porteiros da Terceira. Cortegoso, acompañado dunha boa defensa, confírmase un ano máis como un pesadelo para as defensas rivais. No outro lado, se un os frea, outro os ten que marcar e ese é o traballo de Adri con 6 tantos ata o momento axudado neste traballo por un ex branquiazul como é Tomás Abelleira, que apunta titular na súa volta a Santiago. 

Igualdade recente. 
Compos e Choco xa se viron as caras por primeira vez hai máis de medio século, con tres triunfos sen complicacións dos nosos na capital e ningunha derrota tampouco en Redondela. Non obstante, xa con Yago Iglesias no banco, houbo que recibir ao cadro choqueiro noutras tres ocasións con resultados que demostran algo máis o nivel actual de ambos os dous equipos. 
Un empate cun total de catro goles onde Santi e Diego Rey puxeron aos nosos por diante e cunha vantaxe de dous goles antes do tempo de lecer e no que Róber amosou o seu nivel para dar un punto aos seus. Así volvía un Choco a Santiago no 2017. 
O 2018 foi, sen dúbida, un ano de grandes encontros entre composteláns e redondeláns. Tamén en Santiago se pechaba o campionato regular entre un Compos xa campión pensando na fase de ascenso e un Choco que quería dar unha boa nova á súa afección conseguindo o seu primeiro triunfo no Vero Boquete de San Lázaro con goles de Gabi e Chiqui aos que respostou o agora xogador do Choco Tomás Abelleira. Por outro lado, medio ano despois sería a Esedé quen se levaría os tres puntos con tres goles, obra de Brais Abelenda, Alex Ares e Aythami, nos quince primeiros minutos deixando o partido visto para sentenza. Aínda así, Mon asinaría o cuarto e Félix faría o gol da honra escasos minutos despois. 

Triunfos con autoridade. 
Tanto Compos como Choco chegan a esta cita despois de sumar de tres a pasada fin de semana. Partidos onde os dous equipos non sufriron demasiado para seguir gañando e así o demostran os resultados cos que volveron logo do parón pola fin de semana na que xogou o combinado galego. 
Comezamos co primeiro triunfo do Compos en San Campio. Un primeiro tempo onde o dominio foi total e absoluto por parte dos homes de Yago Iglesias e no que só faltou o gol. Gol que chegaría no segundo tempo con Gabri como autor do primeiro e Brais Abelenda do segundo cunha vaselina fermosa á par que imposible para o gardameta local. 
Máis desigualado aínda semella que foi o vivido en Santa Mariña. Alí adiantaría Luismi ao Alondras antes do cuarto de hora. Non obstante, Félix, Yerai e Tomás Abelleira asinarían a remontada e case certificarían un triunfo local que contou con tres goles máis no segundo tempo, obra de Adri, Martín Crespo e David, pechando un 6-1 que sería sorprendente entre dous fortes equipos do grupo. 

Experiencia baixo paus. 
A pasada fin de semana houbo un protagonista en especial na vitoria do Compos en San Campio. Nun triunfo histórico que serviu aos nosos para ascender ao máis alto da táboa, chegou tamén un récord de imbatibilidade de Pato, superando a Docobo no segundo tempo, e rematando o encontro con sete xornadas consecutivas sen recibir gol e case 700 minutos en total. Un Pato que encaixou o seu último gol na vitoria branquiazul fronte ao Estradense hai xa mes e medio, onde recibiu dous goles, e que suma un total de 6 goles en contra, significando dous deles as dúas derrotas dos nosos a domicilio. 
Non obstante, na outra portería hai outro dos grandes porteiros do grupo. Cortegoso suma un gran nivel e a experiencia que lle dá unha longa carreira defendendo a portería redondelá, onde conseguiu un ascenso a Terceira en 2013 así como dúas promocións de ascenso históricas e que buscarán repetir esta tempada. Un porteiro que xogou contra os nosos nestas últimas tempadas ata en dúas ocasións no Vero Boquete recibindo seis goles e servindo as súas paradas para conseguir un punto no partido onde Róber deixou boas mostras da súa calidade asinando dous goles contra o que sería o seu seguinte equipo. 

A lei do ex.
Tres homes, dous polo lado branquiazul e un polo vermello, terán nas súas botas facer valer a coñecida como 'lei do ex' e marcar ao seu ex equipo. É o caso de Hugo Sanmartín, que militou nas filas do Choco entre 2014 e 2016, e Gabri agora nas filas do Compos así como o de Tomás Abelleira, que chegou a Santiago da man de Yago Iglesias e deixou o equipo hai tempada e media pasando nese tempo polo Ourense CF, Ribadumia e agora Choco. 
Hugo Sanmartín militou durante dúas tempadas no equipo redondelán coincidindo co mellor momento do equipo de Santa Mariña. Dous anos nos que o dianteiro vigués anotou 35 goles en liga e 1 máis na fase de ascenso. Agora, xa recuperado, procura facerse un oco no once titular, na zona atacante máis forte de toda a liga. 
Outro que recibirá no Vero Boquete aos seus ex compañeiros é Gabri. Autor de tres goles no que vai de tempada, o de Moaña supón un perigo constante cando xoga, participando xa en case todos os partidos do que vai de curso. O dianteiro asinou o ano pasado 8 goles en máis de 3.000 minutos. Un xogador que sabe ben o que é marcar ao seu ex equipo logo de marcarlle ao Alondras, equipo co que se estreou na Terceira tanto tanto nos dous partidos da tempada pasada coma no que abría esta campaña, xa coa elástica branquiazul. 
Pola súa parte, Tomás Abelleira volve á que foi a súa casa durante dúas tempadas. Un futbolista que tivo minutos coa camisola do Ribadumia contra o Compos o pasado mes de maio mais sen ser quen de ver portería. Un xogador agora importante nas filas do equipo de Gonza.

Dous partidos moi importantes. 
A primeira volta terá o seu final dentro de tres xornadas, a mediados do mes de xaneiro, e, ainda que non sexa tan importante, o Compos depende de si mesmo para ser campión de inverno e algo máis. E é que agora pasará polo Vero Boquete o Choco, partido para pechar este 2019, pero o 2020 arrincará con moita forza á par que emoción e importancia. 
O 'tourmalet' branquiazul na segunda volta non tardará en dar comezo, con Barco, Bergantiños e Fabril no mes de febreiro. Non obstante, agora comeza a recta final da primeira contra dous rivais aos que haberá que superar para ser campións. De gañar ao Choco, a vantaxe con respecto ao cadro redondelán superaría as dúas cifras, ao igual que con respecto a Fabril e Arosa, sendo os tres equipos que agora pelexan por estar no cuarto posto. 
Mais o duro chegará na fin de semana previa a Reis, como agasallo adiantado. No Couto pelexarán Ourense Clube de Fútbol e Compos polo primeiro posto na que será a primeira oportunidade na que os nosos poidan abrir vantaxe, no caso de facer o mesmo esta fin de semana os dous equipos e sorprender nun campo onde os de Yago Iglesias xa caeron nesta mesma campaña contra un rival adestrado por un Fran Justo que ten tomada a medida aos nosos. 

E a descansar. 
Derradeira xornada deste ano sen, en principio, problemas para o adestrador compostelanista. Miki e Josiño, baixas importantes a pasada fin de semana, poderían estar dispoñibles ao igual que Sergio Pereira e un Alberto co que non semella contar moito nesta tempada. Aínda así, pensando no partido contra o Ourense, Baleato sumará unha semana máis catro cartóns e chega apercibido de sanción a este partido. 

O Gordo, en Santiago.
Lotería pola mañá e fútbol pola tarde. O Compos terá este domingo a oportunidade de levarse o Gordo e seguir como líder unha semana máis. O partido dará comezo ás 17 horas no Vero Boquete e as entradas, xa dispoñibles na web, terán un prezo de 10 euros mentres que aboados e menores de 18 anos teñen entrada de balde. Por outro lado, xa está dispoñible a campaña de aboados para a segunda volta incluíndo tanto o partido deste domingo como o que pechará a primeira volta fronte ao Arenteiro. 
Por contra, para quen non poida asistir, poderá seguirse a través das contas de twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube así como escoitarse en directo en 'Esedé Radio', na web oficial. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario