A derradeira saída do ano

Este 2019 está a tocar o seu fin e con el chegamos á derradeira saída dos nosos neste ano, que non na primeira volta. Un partido complicado á par que histórico en San Campio entre o segundo clasificado e o penúltimo sendo a primeira vez que se enfrontan santiagueses e porriñeses. Cita chave, ademais, para os dous equipos na pelexa polos seus respectivos obxectivos estando ámbolos dous a menos de tres puntos deses postos soñados, con aínda moito fútbol por diante. Por outro lado, xa no segundo tempo, Pato poderia ser o gardamallas con máis minutos sen recibir gol da historia do Compos. 


Unha moi mala dinámica.
O Pontellas, vixente campión da Preferente galega, tiña por diante unha tempada histórica na Terceira división coa presenza na Copa do Rei, onde non foron quen de superar a fase previa lonxe de San Campio. Non obstante, non foi máis que outro esvarón dun equipo que, malia comezar moi ben a tempada suma só 1 dos últimos 21 puntos en xogo, caendo ata os postos de descenso, dos que sairían cun triunfo fronte aos nosos. 
A día de hoxe, os porriñeses son os penúltimos clasificados do grupo cun total de 13 puntos conseguindo a maioría actuando como locais e chegando á xornada 8 sendo o mellor recén ascendido ata ese momento con só un punto menos dos que teñen dous meses máis tarde. 3 triunfos e 4 empates son os datos positivos para un Pontellas que caeu ata en 8 ocasións e sufrindo a maior goleada do curso a pasada xornada, hai xa quince días. 
En San Campio, onde recibirán aos nosos este vindeiro sábado, conseguiron un total de 8 puntos en 7 xornadas grazas ás vitorias fronte a As Pontes e Rápido de Bouzas, nos dous casos pola mínima, e outros dous empates contra a UD Ourense e Choco, neste caso sendo a última vez que foron quen de puntuar en liga. A iso hai que engadir un total de 6 goles a favor e 8 en contra. 
A nivel individual, trátase dun equipo que só conta con tres goleadores sendo o máis perigoso, e a súa arma principal, Berto. O centrocampista cangués foi autor de 7 goles en total anotando sempre que o seu equipo sumou puntos, sendo sinónimo de bos resultados para os porriñeses. 

Pechar o ano con bo pé. 
Restan dúas xornadas para rematar o ano, unha en San Campio e outra no Vero Boquete, e chega o momento máis importante xa que o 2020 arrincará, antes de Reis, co mellor partido da categoría a día de hoxe no Couto fronte ao Ourense CF que medirá, se todo segue igual, aos dous primeiros clasificados. Non obstante, antes hai que pelexar por pechar este ano cun triunfo a domicilio e, sobre todo, buscando as boas sensacións que non houbo nas últimas saídas, onde só se sumaron 4 dos últimos 12 puntos posibles. 
No Vero Boquete, o equipo branquiazul confírmase cada fin de semana como un dos mellores equipos locais do fútbol español, sendo só cinco os que suman como vitoria todos os seus partidos na casa. Un camiño inmellorable para un conxunto que non acaba de atopar o seu xogo conseguindo tres triunfos moi importantes malia non poder demostrar o nivel real deste equipo. A parte hai que engadir dúas derrotas, contra UD Ourense e Bergantiños, pola mínima e outros dous empates sen goles contra rivais da zona baixa da clasificación, As Pontes e Paiosaco. Un total de 9 goles a favor para un dos equipos con maior potencial ofensivo de toda a Terceira división. 

Cun parón polo medio. 
A Terceira división parou pola Copa de Rexións da UEFA a pasada fin de semana. Unha semana de descanso que serviu para recuperar forzas e poder preparar algo mellor esta vindeira xornada así como pensar nos erros cometidos na fin de semana anterior onde o Compos foi quen de superar a un Arosa que presentou un gran fútbol no Vero Boquete e na que o Pontellas encaixou a súa derrota máis ampla do que vai de campionato. 
Arrincamos polo que pasou na capital. Chegaba a San Lázaro un Arosa con altas aspiracións e un equipo que, malia contar con baixas importantes, fixo demostrar ao Compos o seu nivel sen balón. Nun partido igualado, con oportunidades para os dous equipos, Josiño e Brais Abelenda anotarían os seus goles no segundo tempo. Dous xogadores que, ademais, serían os encargados de levar á seguinte rolda da Copa de Rexións da UEFA ao combinado galego. 
Menos sorte tiveron os porriñeses en Cangas. O Alondras non atopou rival nun Pontellas que non foi quen de poñer en problemas aos morracenses. Luismi anotou dous tantos mentres que Mauro e Cora viron porta unha vez cada un para asinar un 4-0 que deixaba tocados aos visitantes e ben situados aos locais nunha clasificación na que dende o sétimo cara abaixo ninguén está seguro. 

Terceiro debutante.
O último debutante da categoría pasa polas mans da Esedé. Despois de caer no Vero Boquete tanto Arzúa coma Estradense, é agora a quenda dun Pontellas que nunca mediu forzas co cadro branquiazul en partido oficial sendo éste outro partido histórico para os do sur de Galiza. 
Terceiro novo equipo que pasa polas mans do conxunto de Yago Iglesias e único da categoría que aínda non perdeu contra os nosos, un dato só anecdótico e que demostra o nivel dos nosos, que superaron ao resto nestes últimos tres anos e medio. Por outro lado, falando dos anteriores debutantes, ambos os dous recibiron tres goles cada un mentres que o Estradense, aproveitando un partido frouxo en defensa dos nosos, anotou os dous últimos goles encaixados por Pato no que vai de tempada. 

Xa na historia. 
Se hai algo que está a deixar claro este equipo é o potencial defensivo. Coa chegada de Soto e, sobre todo, de Pato. O aspecto a mellorar estas últimas campañas é agora o punto máis forte dun equipo para a historia polo gran traballo realizado neste primeiro terzo do campionato. 
O Compos e, en especial Pato, están a facer un traballo en defensa envexable. 6 goles recibidos en 15 xornadas deixan moi claro o acerto coa volta á portería do uruguaio. E é que o gardamallas xa está na historia branquiazul coma o terceiro con máis minutos sen encaixar un gol, con 597 a día de hoxe, e moi preto de superar a Pablo, con 608 minutos imbatido na 2008/09. Algo máis lonxe está aínda superar o récord histórico, de hai xa 30 anos, onde Docobo mantivo a súa portería a cero un total de 652 minutos, algo que pode superar tamén no segundo tempo do partido fronte ao Pontellas. 

Dispoñibles para un gran encontro. 
Todo apunta a que para este partido, Yago contará cos 20 integrantes do primeiro equipo en boas condicións para visitar San Campio. Non obstante, o adestrador terá que realizar catro descartes para confeccionar unha convocatoria de 16 xogadores que volvan demostrar o seu bo facer sobre o céspede artificial. 

Abrimos a xornada.
O Pontellas-Compos será o partido que abrirá a tarde do sábado ás 16:30 horas en San Campio, nun campo de herba artificial, terreo que non se lle acaba de dar de todo ben aos nosos. Un xogo para o que as entradas terán un prezo de 10 euros como xa é habitual nesta categoría. 
Por contra, para quen non poida asistir, o partido poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario