Triunfo antes do parón

O Compos superou ao Arosa nun partido moi complicado e chega ao parón pola Copa de Rexións como segundo clasificado, quedando a nove puntos do quinto e encadeando xa seis partidos consecutivos coa porta a cero. Ademais, mantense un pleno de triunfos no Vero Boquete co oito de oito logo dunha cita dura contra un dos mellores equipos que pasaron por Santiago nesta tempada cun Manu Táboas que evitou unha goleada superior no primeiro tempo. 

Táboas no marcador. 
O primeiro tempo contou con numerosas interrupcións, algunhas alleas ao propio xogo e que provocou que houbera que engadir ata catro minutos. Corenta e cinco minutos que arrincaron con claro dominio local baixo a chuvia mais con problemas serios á hora de superar a Manu Táboas. O gardamallas arlequinado volveu demostrar o seu gran nivel baixo paus salvando, dende os primeiros intres do xogo, as mellores ocasións dun Compos que tivo en Pablo Antas, a balón parado, unha das mellores bazas. 
A pelexa arrincou cunha primeira chegada dun Gabri que non tivo sorte sobre o terreo de xogo diante de Táboas e Brais Abelenda non tardou en ter a mellor, mandando o esférico ao longueiro. Non obstante, a parte do gardameta visitante, outro dos nomes propios foi o de Pablo Antas. O centrocampista foi dono das ocasións a balón parado e un perigo constante dende a frontal para os rivais. 
Cambiando de lado, por parte dos arousáns tamén houbo unha oportunidade clara neste primeiro tempo, interrompido polo vento e o colexiado durante varios minutos que freou un gran ritmo. Un parón que beneficiou en parte aos de Rafa Sáez acabando coa superioridade branquiazul ata o tempo de lecer. 

E por fin entraron. 
Arrincou a segunda metade e o Compos xa mandaba sobre o terreo de xogo. Meténdose en campo contrario dende o comezo, o gol tardou en chegar algo máis de minuto e medio. Gabri, autor do primeiro aviso do partido, xoga con Josiño, este coloca ben a pelota para a súa perna esquerda e non perdoa cun potente lategazo que entra pola escadra dun Manu Táboas incapaz de chegar ao esférico. Un golazo digno dun dos mellores xogadores da categoría e en clara mellora cada partido que xoga. 
Xa co marcador a favor, a intensidade e a tensión baixou sobre o terreo de xogo durante gran parte do segundo tempo, aínda que non así a actuación arbitral buscando protagonismo nun partido sen grandes complicacións nin xogo duro.
O treito final volveu ter gran emoción de novo con perigo nas dúas porterías e cos nosos, aínda que cómodos pola superioridade no marcador, un tanto incómodos ante a forte presión dos vilagarciáns. Tal foi así que en dez minutos pasouse dunha ocasión importante de Manu Rodríguez que sacou por baixo Pato ao segundo gol e a sentenza final. Un gol, obra de Brais Abelenda, que sen dúbida será dos mellores da tempada deixando atrás a un central, sentando ao porteiro e marcando a porta baleira, todo iso pola liña de fondo. Sen dúbida, unha obra de arte do máximo artilleiro branquiazul e que a vindeira fin de semana vestirá a camisola do combinado galego xunto con Josiño e Samu. 

Agora, dúas semanas para preparar a visita ao Pontellas coa Copa de Rexións da UEFA por medio e na que participarán tres dos nosos contra Ceuta e Castela-A Mancha. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario