O pleno de triunfos do mellor local da categoría, en serio perigo. Chega ao Vero Boquete un dos mellores equipos da Terceira galega. Un histórico do fútbol galego que se presenta a esta cita nun gran momento de forma con máis de dous meses sen sumar unha derrota. Un Arosa que, da man de Rafa Sáez, quere volver pelexar por ascender á Segunda B.
Sempre perigosos.
Co paso dos anos, o Arosa segue a ser un dos grandes equipos da Terceira división, un deses rivais sempre complicados por plantel e xogo. E este ano non é para menos. Un equipo feito para conseguir algo importante malia perder xogadores importantes coma Sylla ou Luis García e que se repuxo coas fichaxes de pezas tan importantes coma o ex branquiazul Róber, Pedro Beda ou Jorge Sáez, asinando experiencia e calidade para un equipo que, logo dun esvarón, non sumou máis derrotas.
Un triunfo fronte ao Lugo B abría unha tempada para un Arosa que nas tres primeiras xornadas só asinaba tres puntos e un gol a favor. Non obstante, por sorte, coa visita ao Poboado arrincaba a remontada dun equipo que suma agora once xornadas sen coñecer a derrota, con seis triunfos e cinco empates. Un equipo que anotou un total de 24 goles e encaixou 17 sendo máis que suficientes para acomodarse na quinta posición da táboa con 26 goles.
Moi fortes na Lomba, onde só o Estradense foi quen de sacar os tres puntos dende abril, a domicilio non quedaron atrás. Caeron no Couto a mans da UD Ourense, ao igual que os nosos, e posteriormente gañaron en As Pontes, Vilalba e Paiosaco en tres saídas consecutivas. Tres vitorias e outros tantos empates, tamén de xeito consecutivo, nas tres últimas citas lonxe da casa contra Somozas, Choco e Arenteiro asegurando que o gol é sinónimo de puntos para os arousáns.
A nivel individual hai que salientar a varios xogadores. Pedro Beda é actualmente o máximo goleador do equipo e peza máis perigosa para Casas e Soto con 9 tantos. Xunta el, os ex do Compos Róber e Manu Rodríguez dando forza ao ataque arlequinado. Unha forza que aínda non poden ter coa baixa por lesión importante de Sidibé, fóra dos terreos de xogo dende hai máis dun ano por unha lesión sufrida nun amigable de pretempada sumando xa case ano e medio lonxe do verde.
Quen dá máis?
Este domingo poderíanse ver as caras dous xogadores xa na historia do Compos, agora un por equipo, e que ámbolos dous teñen no seu haber uns datos moi interesantes. Dous nomes propios, o de Pato e o de Róber, que pelexarán esta fin de semana por aumentar as estadísticas, contrarias.
Comezamos co da casa. Pato superou a Pablo a pasada fin de semana superando os 500 minutos consecutivos sen encaixar ningún gol. Nas súas mans, nunca mellor dito, ten a posibilidade de superar os seis partidos consecutivos sen encaixar gol polos nosos en 2008, tamén na Terceira división, cando os nosos conseguiron superar a Somozas, Céltiga, Portonovo, Pontevedra B e Gran Peña mentres que o enfrontamento contra o Xallas rematou sen goles. Un total de 608 minutos sen encaixar gol por parte de Pablo.
Por outro lado, no equipo rival, Róber. O porriñés chega ao Vero Boquete por cuarto ano consecutivo vestindo a cuarta camisola diferente. O máis curioso é que anotou cos tres equipos anteriores, sendo un deles o Compos. Primeiro, chegou co Choco para dar un recital ofensivo e anotar dous goles, abrindo as portas da Esedé. Uns meses despois, vestindo a camisola branquiazul, foi autor dun total de cinco goles na que foi a súa casa durante unha tempada. Pero un dos seus mellores goles chegou lucindo a camisola do Ourense CF anotando o empate nos primeiros intres do segundo tempo.
Sigamos soñando.
Sete triunfos suman os nosos neste arrinque de tempada na casa. Un pleno de triunfos que supera por dous puntos o arrinque como local da tempada 2001/02, cando os nosos superaron na Segunda B a Alavés B, Aurrera Vitoria, Gernika, Ponferradina, Barakaldo e Amurrio e empataron contra o Lugo nun partido sen goles. Dito arrinque acompañouse de catro goles encaixados en San Lázaro nas sete primeiras citas e a tempada acabou con ascenso. Mesmo número de vitorias e o empate, en 1990 servindo para comezar un ascenso histórico.
A día de hoxe, sete de sete triunfos en Santiago para un arrinque histórico dos nosos. Unha xeira de resultados que pode mellorar este domingo e que só está, agora mesmo, ao alcance de Barcelona, Terrassa, Zamora e Poblense, sendo os cinco únicos equipos do fútbol español que, na casa, só sumaron de tres. Un comezo digno dos máis grandes e que terá unha dura proba para convertirse na oitava xornada consecutiva con triunfo local.
Unha xeira semellante foi a que conseguiu o Compos con Anxo Casalderrey no banco en 2012. Nove triunfos consecutivos conseguindo case un pleno de vitorias na segunda volta, empatando na última cita na casa no derbi contra o Santiago.
Sensacións mellorables.
O Compos non foi quen de, por segunda saída nun mes, ver portería. Algo que no Vero Boquete é un seguro, a domicilio semella ser unha materia aínda por mellorar malia a volta de Primo ao equipo. A Porta Santa foi imposible de superar polos nosos e non por falta de intencións dun equipo que atopou en Rama e na madeira dous enimigos difíciles de esquecer.
Máis puntería, que non sorte ante as baixas coas que chegaron ao partido, tivo un Arosa que deixou temporalmente A Lomba por obras. No Salvador Otero, os de Rafa Sáez foron quen de adiantarse á media hora de xogo grazas a un gol de Cotilla. Non obstante, o Alondras non tardaría en devolver a igualada ao marcador grazas a Pablo García. Pero, xa no segundo tempo, o cadro arlequinado volvería a poñerse por diante grazas a un gran gol do ex compostelanista Manu Rodríguez. Un gol que deixaba aos vilagarciáns moi preto do cuarto posto.
Un clásico do noso fútbol.
Ata en trinta e catro ocasións se viron as caras en partido oficial Compos e Arosa con clara superioridade branquiazul, un dato que se rachou nas últimas tempadas nas que foron os vilagarciáns os que puxeron en serios problemas as vitorias dos nosos, sendo quen de deixar sen puntos aos homes de Yago Iglesias nos dous xogos da pasada tempada así como outros tres empates nos dous anos anteriores, chegando só un triunfo branquiazul.
Dende a primeira cita en 1963, o habitual nun enfrontamento entre compostelanistas e arousáns era o triunfo dos santiagueses. Tal foi así que nos quince primeiros partidos só se viviu un triunfo arlequinado e un empate. Non obstante, esa desigualdade que nos levou a sumar un total de 17 vitorias nos 20 primeiros anos de encontros, fronte aos 3 dos arlequinados, desapareceu nos tres últimos anos, cando, coa chegada de Yago Iglesias, o Arosa pasou a ser un claro perigo.
Empezamos esta serie de partidos en 2016, na Lomba. Unha tempada de dúbidas nos nosos, problemas para gañar a domicilio e un empate sen goles en Vilagarcía na primeira volta. Non obstante, a mellora na segunda serviu para asinar a última goleada contra o equipo dirixido por Jorge Otero e do que poderían repetir, nos nosos, Saro e Mon.
Segundo curso do corpo técnico no equipo e un obxectivo claro: o ascenso. Antes, o Compos asinaría o primeiro posto da clasificación e polo camiño non sería quen de gañar ao Arosa. Dous empates, tanto na Lomba coma no Vero Boquete repetíndose en ambas as dúas ocasións o 1-1 no marcador. Dous partidos onde, ademais, os nosos comezaron por debaixo no marcador e cos goles de Rubén, na primeira volta, e Samu, na segunda, chegarían eses empates.
E xa chegamos ao máis recente ata o de agora. A pasada tempada, os seis puntos foron para o peto arlequinado. No Vero Boquete, Luis García adiantaría aos visitantes no primeiro tempo mentres que Alex Ares igualaría as cousas chegada a hora de xogo. Non obstante, dende os once metros, sería Sylla o encargado de acabar coas opcións locais no treito final do encontro. E o propio Sylla, xa neste 2019, volveu ser un pesadelo anotando o gol que daba os tres puntos aos locais.
Samu, dúbida.
Para esta cita, Yago Iglesias conta cunha baixa segura, a de Miki aínda en plena recuperación; unha dúbida, a dun Samu que xa adestra co resto dos seus compañeiros aínda que está pendente das sensacións nestes últimos días, e Hugo Sanmartín, adestrando xa co grupo e dispoñible se é preciso para esta cita tan importante. Por outro lado, volve contar con Baleato apercibido, que podería perderse o enfrontamento en San Campio despois do parón pola Copa de Rexións.
Como xa ven sendo habitual nos últimos anos, o clube prefire facer dous 'medio día do clube' polo que os aboados temos que pasar polas oficinas para retirar unha entrada por abono a 5 euros, sendo obrigatorio ensinar o abono na entrada do estadio xunto coa entrada. Por outro lado, e aquí chega a maior diferenza, os non aboados poden retirar entradas a 10 euros ata este venres mentres que o domingo, nas billeteiras do estadio, terán un prezo de 15 euros. E, por se alguén aínda non o sabe, o partido será ás 17 horas baixo a chuvia no Vero Boquete.
Por contra, para quen non poida asistir ao encontro, poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. Tamén se poderá escoitar en directo en 'Esedé Radio'.

Ningún comentario:
Publicar un comentario