Líderes de Nadal

O Compos chega ás vacacións de Nadal no máis alto da clasificación logo dun novo triunfo, traballado e complicado, fronte ao Choco nun partido frío e con poucos tiros entre os tres paus. Un gol de Primo e outro de Soto serviron para sumar de tres no Vero Boquete por novena vez nesta campaña, pechando este 2019 nunha forma inmellorable, con Pato aumentando a súa lenda e achegándose aos 800 minutos consecutivos sen encaixar goles. Un partido que, ademais, serviu para aumentar a vantaxe sobre o cadro redondelán nunha xornada atípica con ata catro partidos suspendidos.

Mandando sen complicacións.
Contra un Choco que se meteu no partido algo tarde, o Compos mandou durante boa parte do primeiro tempo. Atacando con todo, os redondeláns non puideron facer máis que defenderse con todo e intentar buscar o gol á contra, técnica que non lles serviu en ningún momento fronte a un rival moi ben situado sobre o campo. 
Aínda así, malia ser superiores con claridade e contar coa posesión do esférico, as ocasións para o cadro dirixido por Yago Iglesias tardaron en chegar, rematando en gol a primeira clara, media hora logo dun sinfín de centros dende as bandas que non atoparon rematador, un guión que se repetiu durante os noventa minutos na área defendida por Cortegoso. Foi así, cun centro dende a banda de Hugo Sanmartín, como chegou o primeiro gol da tarde. Doado para o extremo, que se foi en velocidade do seu par, e para un Primo que só tivo que empurrar o esférico co peito asinando o quinto gol da tempada. 
Co gol xa no luminoso cambiou o partido. Logo de media hora sen opcións, o Choco quixo mandar sobre a alfombra do Vero Boquete, en perfectas condicións malia o temporal destes días na capital galega, e buscou incomodar á defensa branquiazul errando nos metros finais as oportunidades máis claras. 

Recompensa final. 
Se xa o mereceu no primeiro tempo, non foi menos no segundo. O Compos mantívose serio sobre o céspede aínda que perdoando infinidade de chegadas, nalgunha pecando de xenerosos, e deixando boa parte da responsabilidade da vitoria a unha defensa que tampouco tivo moito traballo neste segundo tempo. 
Foi coas entradas de Miki e Samu cando o equipo mellorou en labores ofensivas e as oportunidades sobre a portería defendida por Cortegoso chegaron mais sen a sorte suficiente para anotar o gol da tranquilidade, que chegou xa no treito final á contra con Miki mandando na xogada e Soto, na axuda, transformando a asistencia do seu compañeiro a porta baleira. 

Un partido que os nosos souberon levar ao seu terreo por completo contra un Choco insuficiente dependendo a goleada máis dos erros en ataque que dos acertos en defensa. Un nove de nove para ir ao Nadal no mellor momento, pensando na cita importantísima en Ourense a comezos do mes de xaneiro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario