Vitoria mínima

Un Compos superior ao Silva non foi quen de sumar un triunfo cómodo no Vero Boquete malia contar con ocasións suficientes para facerse cunha vantaxe maior. Un partido dominado polos nosos, cun primeiro tempo onde non tivo case rival e no que Josiño foi o autor do único gol na primeira visita dos de Bardanca sen poder marcar en Santiago por primeira vez. 

Faltou definir. 
O primeiro tempo contou cun dominio dos nosos de principio a fin. Un Compos moi seguro, cunha gran presión que evitaba a saída co balón á contra dos silvistas e con grandes chegadas a través das bandas. A iso hai que engadir o traballo realizado por Brais Abelenda, Rodri e Josiño poñendo en serios problemas á defensa coruñesa. Non obstante, malia merecelo, o gol fíxose de rogar. 
Co paso dos minutos, o Silva pasou a defenderse con todo sen apenas opcións de manexar o esférico. Ante isto, as bandas pasaron a gañar todo o protagonismo e, logo de moitísimos intentos, caeu o premio gordo. Unha xogada que comeza nas botas de Jimmy e Brais, centro do lateral e Josiño, que está a ser do mellor do equipo nesta campaña, fixo xustiza na área rival. Un bo gol do de Bueu que significou o tanto do posterior triunfo. 
Ata o final desta primeira parte, o Compos contou con ocasións suficientes non só para ampliar a vantaxe senón tamén para asinar a sentenza con aínda corenta e cinco minutos por diante que se complicaron máis do que cabía esperar. 

E sufrimento. 
Pasado o tempo de lecer, apareceu por primeira vez no xogo unha gran versión de Pato. O partido convertiuse nun perigo constante nas dúas porterías co porteiro branquiazul e a defensa coruñesas como grandes protagonistas evitando que puidera chegar algún gol máis no partido, e non por falta de merecementos. Ademais, hai que falar tamén de polémica con dúas accións consecutivas sinalando o asistente un fóra de xogo un tanto dubidoso e, na seguinte, un posible penalti sobre Brais nun balón dividido que non sinalou o colexiado. 
Co paso dos minutos, o Silva buscou algo máis a pelota e a portería de Pato deixando máis ocos en defensa, provocando que á contra puidera chegar algunha que outra ocasión dos homes de Yago Iglesias. Non obstante, a sorte volveu non estar do lado dos nosos e as ocasións, de novo de sobra para conseguir un resultado mellor. 
No outro lado do campo, en defensa, o traballo aumentou con Samu e Soto axudando a un Pato que soubo aparecer á perfección sempre que foi preciso. Un bo partido tamén neste aspecto dun equipo que soubo manter ben a vantaxe mínima ata o final cun rival diante que asinaba así a súa terceira derrota da tempada, cun resultado curto co que puido verse sobre o verde. 

Agora o equipo terá que preparar a visita á Magdalena onde os nosos buscarán a vitoria despois de dúas saídas sen sequera poder marcar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario