Era un segredo a voces dende hai xa unhas semanas. Primo volve ao Compos ata final de tempada para reforzar unha dianteira con gol pero, á vez, numerosas ocasións perdoadas. Un dianteiro xa por todos coñecido e do que pouco ou nada novo se pode contar. Leva adestrando cos seus compañeiros xa varias semanas e o seu último clube foi o Grindavik de Islandia, equipo co que non puido conseguir o obxectivo da permanencia na máxima categoría do fútbol islandés e co que rematou contrato o pasado xoves de xeito oficial.
Nado en terras cántabras hai 26 anos, Primo comezou a súa carreira na base do Racing de Santander. Posteriormente, estreouse na Terceira división defendendo, durante dúas tempadas, as cores do Laredo. Sen saír aínda de Cantabria, debutou na Segunda B da man da Gimnástica de Torrelavega, onde tería unha segunda oportunidade logo do paso pola Esedé. Un Compos ao que chegou despois dun bo curso no Vitoria, filial da Sociedade Deportiva Eibar.
No seu paso pola capital galega foi unha peza chave para conseguir o campionato de liga. 36 partidos xogados entre liga e promoción de ascenso e un total de 24 goles convertíndose nun perigo constante e un rival a ter en conta para todos os contrarios. Un dianteiro co que se chegou á final da promoción e que volve coa intención de rematar co soño de levar ao equipo á Segunda B.
Logo do seu paso polo equipo de Yago Iglesias, volveu á Gimnástica de Torrelavega, onde non tivo sorte á hora de conseguir o obxectivo da permanencia na Segunda B, e probou sorte no Grindavik da primeira división de Islandia, onde tampouco foi quen de manter a categoría sendo o máximo goleador do equipo con 3 tantos.
Agora, só queda pendente a chegada do tránsfer, ao longo desta semana, e podería volver aos terreos de xogo o vindeiro domingo contra o Racing Vilalbés na Magdalena.

Ningún comentario:
Publicar un comentario