Contra unha dura barreira

Este domingo recibiremos no Vero Boquete de San Lázaro a un dos rivais máis duros, defensivamente falando, do campionato. Un Silva que non pasa por un bo momento mais que se presenta como un perigo coa súa seguridade defensiva, algo que os levou a perder só dous encontros no que vai de tempada.


Máxima igualdade. 
O Silva, con Javier Bardanca no banco, suma a súa sexta tempada na Terceira división buscando, co seu fútbol, mellorar a novena posición acadada hai dúas tempadas. Un equipo con moi pouco gol e que sabe subministrar ben cada un que anota e unha defensa moi poboada e difícil de superar.
A día de hoxe, os coruñeses ocupan a novena posición da táboa con 12 puntos. Tan igualados son os seus números que a día de hoxe, nas dez primeiras datas do campionato, gañaron e perderon 2 partidos e empataron 6. É máis, suman o mesmo número de goles a favor que recibidos, 10, sendo o quinto equipo con menos acerto de cara a porta e o quinto equipo que menos goles encaixou confirmando así o bo traballo atrás dun equipo cun claro plantexamento defensivo.
Curiosamente, os de Bardanca suman os mesmos puntos na casa coma a domicilio. Cinco partidos xogados lonxe da Grela e 6 puntos asinados. Só un triunfo, asinado en Santa Mariña, e unha derrota, en Espiñedo, repetíndose nos dous casos o 2-0 no marcador. Por outro lado, tres empates, contra Somozas, Arzúa e Arosa, sempre con goles facendo un total de 7 goles, e encaixando outros tantos, fóra da Coruña.
A nivel individual, nun equipo onde o forte está na defensa, hai que salientar o traballo de Marcos. O mediapunta de Sada, chegado á entidade silvista hai seis anos procedente do Betanzos, é o autor de 5 goles no que vai de tempada marcando a metade dos tantos do seu equipo e sendo un seguro anotador a domicilio.

Malos tempos.
Tanto Compos coma Silva non están a pasar polos seus mellores momentos. Os nosos están con evidentes problemas de cara a porta nas últimas datas mentres que os silvistas, nas tres últimas xornadas, asinaron dúas derrotas e un empate sumando un total de 280 minutos sen ver portería ata o momento, un mal momento de cara a porta que non igualaban dende hai ano e medio, cunha tempada por medio.
Comezamos polo cadro branquiazul. O equipo fixo un arrinque de curso para enmarcar. Unha defensa insuperable e moito acerto de cara a porta. Non obstante, chegou un pequeno baixón logo do triunfo no Baltasar Pujales. Houbo que sufrir para superar ao filial do Clube Deportivo Lugo con dez, unha derrota no Couto e un triunfo, nun xogo marcado por erros, diante do Estradense para chegar a este encontro logo dun empate sen goles nas Pontes.
Por outro lado, a falta de gol do Silva. Un equipo que non faltou ao gol nas sete primeiras xornadas e que agora encadea 280 minutos sen atopar ese camiño de cara á portería rival. Dende o segundo gol anotado en San Mariña, no triunfo contra o Choco, quedaron sen marcar nas derrotas contra Ourense CF e Arenteiro e no empate sen goles contra o Alondras, onde sufriron a expulsión de Fabio.

Santi, sempre importante.
Compos e Silva mediron forzas nas tres últimas tempadas, sempre na Terceira división. Tres anos nos que só houbo vitorias branquiazuis cando se enfrontaron no Vero Boquete, dúas máis para os nosos na Grela e só un triunfo coruñés. Un tres de tres a prol dos homes de Yago Iglesias que buscarán aumentar esta fin de semana.
A primeira visita silvista ao teatro dos soños branquiazul pechouse cunha importante goleada que abriría, no primeiro tempo, David Nogueira. O dianteiro santiagués faría tamén o segundo da tarde xa superado o tempo de lecer mentres que Recoba, Ube e Santi asinarían o resto. Renan Zanelli foi o autor do único gol silvista.
Un gol menos, catro, serían os que anotarían os nosos un ano despois. Con Rubén e Róber anotando os dous primeiros da tarde no primeiro tempo, Lucas Lima buscaría meter aos seus no partido. Non obstante, Sobrido e Santi completarían de novo o triunfo branquiazul.
E rematamos co ano pasado onde, por terceiro ano consecutivo, repítese un nome. Michi Leal adiantaría aos visitantes mentres que, a vinte minutos para o final, Scalon anotaría, en propia portería, o empate. Un partido que tería un terceiro gol, obra de Santi, para deixar de novo os tres puntos no Vero Boquete.

En San Lázaro, só nós.
Tendo só en conta a liga, o Compos non perde na casa dende o pasado mes de maio. Seis meses sumando unicamente vitorias no casilleiro branquiazul nun 2019 onde só Ourense Clube de Fútbol e Racing Vilalbés foron quen de marchar da capital cos tres puntos. A eses dous anteriores hai que engadir tamén outro empate, conseguido polo Paiosaco nun mal segundo tempo. Un campo onde tampouco puido gañar o Alavés B na promoción de ascenso, onde a Arandina encaixou unha dura goleada e no que o Coruxo sufriu para logo gañar na prórroga.
No que vai de tempada, cinco rivais pasaron polo estadio santiagués. Somozas, Barco e Fabril marcharon sen sequera poder marcar ningún gol encaixando entre os tres un total de seis goles. Un acerto que non houbo contra o filial do Lugo, que chegou a ir por diante no marcador uns minutos antes de sufrir a remontada local, nin un Estradense que, malia facer un fútbol defensivo, puxo contra as cordas aos homes de Yago Iglesias adiantándose cedo no marcador e empatando o partido logo da remontada compostelanista, obrigando a chegar un terceiro tanto, no segundo tempo, para manter o pleno de triunfos no que vai de campaña nun campo que se presume imposible para os visitantes.

Dúbidas en defensa. 
Se coa baixa de Jimmy e Sergio Pereira xa houbo algún que outro problema en defensa contra o As Pontes, as cousas non melloran esta fin de semana. Ás anteriores, hai que engadir a dúbida de Álvaro Casas, que tivo que retirarse mancado o pasado domingo a vinte minutos para o final. Por outro lado, no capítulo de amoestacións, o xogador con máis cartóns amarelos ata o momento é Baleato con 3. 
Nos silvistas será baixa segura Fabio logo da súa expulsión a pasada fin de semana contra o Alondras. 

O mellor plan de domingo.
O horario xa é o habitual. Un domingo máis e de novo ás 17 horas, o Vero Boquete abrirá as súas portas para unha nova loita entre os xogadores de Yago Iglesias e os de Bardanca. Dous plantexamentos moi diferentes e que nos deixarán, seguro, un partido competido sobre o verde. Partido para o que as entradas terán un prezo de 10 euros mentres que menores de idade e aboados, de balde. 
Por contra, para quen non poida asistir ao partido, poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. Ademais, poderá verse na web da CRTVG. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario