Perdoando

O Compos non foi quen de anotar ningún gol na súa visita á Porta Santa. Un partido que rematou en empate malia o asedio total e absoluto dos nosos sobre a portería defendida por Rama durante os noventa minutos. Control total do esférico, boas chegadas á área local e dous balóns á madeira son o resumo dun partido que puido levar aos nosos ao máis alto da clasificación logo do empate do Ourense en Redondela. Non obstante, volvemos perdoar e neste caso tanto ao Paiosaco coma ao conxunto ourensán. 

Contra o pau. 
O primeiro tempo contou cun protagonista en especial: a madeira. O dominio, claro, dos nosos levou a buscar polas bandas as mellores oportunidades de cara a porta. Outra boa opción foi por alto, onde Pablo Antas e Baleato gañaron case sempre á defensa verde chegando así, logo dun córner, a primeira boa oportunidade do encontro. 
Non obstante, nun primeiro tempo onde os nosos foron de máis a menos, foi o pau o que evitou que os nosos puideran adiantarse no marcador. Primeiro, un disparo de Pablo Antas que primeiro peta nun defensa e despois en Rama antes de saír repelido pola cruceta da portería local e, superada a media hora, disparo de Brais Abelenda e só a madeira evita que o de Bembibre poida aumentar a súa conta goleadora. 

Asedio total e absoluto. 
O segundo tempo foi máis do mesmo. Control total do esférico por parte do Compos, xogando en campo contrario durante boa parte dos corenta e cinco minutos, e buscando crear ocasións de perigo sobre a portería ben defendida por Rama. Mais a presión dos xogadores locais, metidos todos atrás a defender, e a actuación do seu gardamallas evitou un posible tanto branquiazul. 
Gol si que houbo na portería defendida por Pato na chegada máis perigosa dos de Juan Riveiro. Un gol que invalidaría o asistente por fóra de xogo mantendo a igualada sen acerto por parte dos dous equipos. 

Pato, o mellor da década. 
Xa viñamos sabendo da calidade de Pato baixo paus e esta tempada está a superar os mellores rexistros defensivos en anos. Coa porta a cero de hoxe son xa cinco partidos consecutivos sen encaixar gol e máis de 500 minutos en total. Uns datos para un porteiro doutra categoría. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario