O Compos arrincou moi ben a tempada cun triunfo a domicilio importante e nun dos campos máis complicados. Non obstante, e xunto coa vitoria colleitada en Bouzas, o equipo de Yago Iglesias non está a conseguir bos resultados lonxe do Vero Boquete sumando, a día de hoxe, dúas xornadas sen gañar. Non obstante, este sábado chega unha nova oportunidade para rachar con esa xeira un tanto negativa nun dos campos máis complicados da categoría: A Magdalena. Diante, un Racing Vilalbés en boa forma que encadea catro xornadas sen coñecer a derrota.
Buscando a regularidade.
O Racing Vilalbés arrincou con mal pé a tempada. Un empate e unha derrota nas dúas primeiras xornadas do campionato non deixaban en moi bo lugar a un equipo que estreou o casilleiro de triunfos no Alcalde Manuel Candocia. Non obstante, mantiveron ese treito irregular ata hai ben pouco asinando unicamente 7 de 21 puntos posibles.
Actualmente, logo de remontar ese arrinque un tanto dubidoso, o Racing Vilalbés suma xa 15 puntos e ocupa a oitava posición da táboa. Un equipo que conseguiu un total de 4 triunfos e 3 empates, ademais doutras 4 derrotas, asinando moi bos resultados en terras luguesas. Equipo que, da man de Simón Lamas, asinou un total de 13 goles e recibiu unicamente 10, sendo o equipo coa terceira mellor defensa do campionato só por detrás de Compos e Ourense Clube de Fútbol.
De Vilalba, campo que se presenta complicado na actual campaña, poucos puntos saíron polo momento. O As Pontes, cun empate sen goles, e o Arosa, cun triunfo pola mínima, son os únicos equipos que poden dicir de momento que saíron vivos da Magdalena mentres que Arzúa, Choco e Arenteiro non correron a mesma sorte, cos do Carballiño quedando ás portas do empate.
A nivel individual, nun equipo onde se mestura xuventude e moita experiencia, chama a atención a gran campaña que está a realizar Javi Pita baixo paus. O terceiro gardamallas menos goleado só superado por Pato, xa que nas filas do Ourense houbo troco na portería por lesión e ningún dos porteiros acumula o cen por cen dos minutos coma pasa nestes casos. Tamén hai que ter en conta a Cuadrado, perigoso na área contraria con 3 goles actualmente, así como os ex da Esedé Diego Rey e Make.
A Magdalena, campo imposible.
Seis anos pasaron dende que o equipo de Fredi Álvarez visitara A Magdalena por primeira vez e, sumando as tres con Yago Iglesias no banco, o equipo suma catro saídas a Vilalba sen gañar. 2 empates e 2 derrotas para un equipo incapaz de gañar a un equipo que, por outro lado, só conseguiu sacar 3 puntos do Vero Boquete.
Un Compos con problemas para gañar a domicilio visitaba Vilalba inmerso na pelexa pola promoción de ascenso. Un equipo que foi superior ao rival e que foi quen de adiantarse grazas a un gol de Tachi. Non obstante, non tardaría en empatar o Racing Vilalbés asinando así o primeiro empate.
Xa na 'era Yago Iglesias', dúas derrotas consecutivas. Primeiro, en febreiro de 2017, Rubén Gómez e Bruno deixarían sen opcións aos nosos mentres que, só uns meses máis tarde, Primo adiantaría á Esedé pero Sergio Arias e Álex Pérez, cun dobrete cada un, deixarían sen opcións aos nosos. E rematamos esta serie, ata este sábado, cun gol de Ballesteros hai un ano co que se adiantarían os lugueses mentres que Aythami faría xustiza no segundo tempo.
Buscando as boas sensacións.
Se ben é certo que o Compos é o mellor equipo cando xoga de local, tanto por resultados coma por fútbol, non é así nas últimas saídas. Un empate sen goles no Poboado e unha derrota pola mínima no Couto deixaron un pouco tocado a un equipo que está, arestora, a tres puntos do obxectivo: o primeiro posto. Non obstante, é o momento de falar do feito polos dous equipos a pasada fin de semana.
Os nosos chegan de superar o pasado domingo a un Silva que non deixou case opcións en defensa. Con liñas moi xuntas, os de Bardanca non permitiron case ocasións, sobre todo na segunda metade, a un Compos que perdoou máis do debido. Aínda así, os tres puntos quedaron no Vero Boquete grazas a un gol de Josiño no primeiro tempo.
E imos agora cara Cangas, onde se viviu a polémica da xornada. Alí, adiantouse o Alondras por medio de Marwan e só uns segundos mais tarde igualou o resultado, co que se remataría finalmente, Cuadrado. Mais o partido tivo outro gol, neste caso para os visitantes, que invalidou o colexiado logo de moito pensar deixando un empate entre dous conxuntos da zona media da clasificación.
Poderá volver?
Xa non hai segredo. Primo xa é, de xeito oficial, xogador do Compos ata o final da tempada. E a falta de que chegue o tránsfer dende Islandia, o cántabro é dúbida para este sábado. Con el, hai que esperar para confirmar a presenza de Álvaro Casas, baixa a pasada fin de semana por molestias, e contar coa baixa case segura de Sergio Pereira.
Abrimos a xornada.
Despois de moitos domingos, a espera por fútbol faise un pouco máis curta. Esta fin de semana, o Compos visitará A Magdalena o sábado nun horario tamén pouco habitual para nós xa que, o encontro, dará comezo ás 16:15h. Un xogo para facer a dixestión na bancada e para o que as entradas terán un prezo de 10 euros.
Por contra, para quen non poida asistir ao partido, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do noso clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario