Por primeira vez

O Compos asinou esta mesma tarde de sábado a súa primeira vitoria na historia na Magdalena. Un partido sen moito ritmo, con moito frío e no que o máis importante foi a volta de Primo ao equipo de Yago Iglesias, onde se estreou este curso cun gol que supoñía a confirmación dun triunfo histórico. Ademais, nun partido que tivo moi pouco que destacar, Samu fixo o gran gol da tarde cun disparo dende 35 metros que sorprendeu ao gardamallas local.

Frío primeiro tempo. 
Contra un Racing Vilalbés que buscou non dar moitas opcións de manexar a pelota ao Compos durante o primeiro tempo, cun ritmo de xogo baixo, as ocasións fixéronse esperar sobre o verde da Magdalena. Unha igualdade levada ao terreo de xogo, malia o gran potencial dos nosos, e que se transformou na primeira ocasión do xogo a prol dos vilalbeses. 
Dúas oportunidades para os locais antes do tempo de lecer coas que buscaron poñer en perigo a Pato, sen demasiada sorte, e só unha, a mellor desta primeira parte, a prol dunha Esedé que tivo en Brais Abelenda a mellor ocasión nun man a man co porteiro que petou no corpo deste evitando así o posible gol branquiazul. 

Goles especiais. 
No segundo tempo, máis do mesmo. Co Compos intentando levar a iniciativa, o primeiro gol chegou logo de doce minutos cun acerto inmellorable de Samu. O centrocampista de Bembibre ve ao porteiro algo adiantado e, dende 35 metros, non o pensa dúas veces para sacar un gran disparo que non chega a tocar sequera Javi Pita. 
Co gol xa subido ao marcador, mellorou aínda máis a cousa para os de Yago Iglesias. Non obstante, malia seguir intentándoo, o segundo gol co que xa pechar definitivamente a vitoria tardou en chegar ata o treito definitivo. Un gol con sinatura especial xa que foi obra dun Primo que non confirmou a súa presenza nesta xornada ata a tarde de onte, cando chegou o seu tránsfer. 
Ao anterior hai que engadir que Pato deixou a porta a cero por terceira xornada consecutiva sendo a súa mellor xeira neste aspecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario