Chega a revelación

Toca superar o primeiro terzo do campionato e para iso teremos que recibir no Vero Boquete aos veciños do Casino Sociedade Deportiva Arzúa. Un complicado encontro fronte á revelación do campionato onde os nosos buscarán aumentar o pleno de vitorias na casa, coa posibilidade de asinar o sete de sete. Diante, o dianteiro con máis goles do que vai de curso e o avó da Terceira, con pasado branquiazul.


Liderando a segunda parte da clasificación.
Oito puntos separan a día de hoxe ao líder do campionato co sexto clasificado, o Choco. Dende os redondeláns ata o Arzúa, o seguinte na táboa, hai cinco puntos de diferenza mentres que un menos, catro, son os de vantaxe dos homes de Alberto López sobre os postos de descenso liderando unha segunda clasificación virtual coa pelexa pola permanencia.
Un Arzúa que, para chegar a esa sétima praza, sumou un total de 16 puntos nestas primeiras 12 xornadas grazas a 5 vitorias, 1 empate e 6 derrotas, asinando ese único reparto de puntos na visita do Silva ao Viso. Un equipo con boa puntería sendo o quinto máximo anotador do grupo con 20 goles a favor. Por outro lado, trátase do segundo equipo que máis goles encaixa cun total de 22 en contra.
Fortes na súa casa, conseguiron máis puntos a domicilio, onde conseguiron o mesmo número de vitorias e derrotas, 3, e onde non asinaron polo de agora ningún reparto de puntos. Vitorias que conseguiron fronte ao As Pontes na súa primeira saída e Choco e Arenteiro nas dúas últimas, sumando dúas saídas consecutivas gañando. Por medio, derrotas en Vilalba, Somozas e Vilagarcía quedando sen ver porta unicamente na goleada encaixada na Magdalena.
A nivel individual, hai que destacar unha peza por enriba do resto. Iker Hurtado chegou a Arzúa en Preferente coa única intención de levar ao equipo á Terceira división. Na súa primeira campaña no Viso, o dianteiro de Lalín xogou un total de 36 partidos e anotou 35 goles. Unha cifra da que non anda lonxe de manter o seu gran acerto de cara á porta logo de sumar, nas 12 primeiras datas, un total de 13 goles quedando sen ver portería só en tres ocasións.

7 de 7 en xogo. 
O Compos buscará este domingo asinar a súa sétima vitoria consecutiva na casa. Un fito que non se consegue dende o ano 2012, na Preferente, cando os nosos arrincaron a segunda volta cun triunfo fronte ao Unión de Asados na xornada 20 e non frearon ata que, na 37, o Santiago freou aos nosos cun empate, xa co ascenso á Terceira no peto. Naquela tempada foron ata nove os rivais que caeron de forma consecutiva no Vero Boquete mentres que seis o fixeron máis recentemente, entre 2017 e 2018, ata a chegada do Bergantiños. Por outro lado, Pato pasa polo seu mellor momento dende a volta á porta branquiazul. Tres xornadas consecutivas sen recibir gol, que poden ser catro este domingo, igualando o que xa fixo o gardamallas uruguaio defendendo as cores da Esedé en 2016, na tempada do descenso á Terceira división. 
Volvendo á actualidade, os homes de Yago Iglesias suman xa seis partidos na casa, dende o arrinque da tempada, sen sumar nada máis que vitorias. Unha xeira inmellorable que sitúa á Esedé como o mellor equipo local da categoría. Ao anterior hai que sumar unha vitoria e un empate a domicilio que levan ao equipo a sumar un mes sen coñecer a derrota, dende a visita ao Couto onde sorprendeu a UD Ourense. 
Pola súa parte, o Arzúa, que non está a ter sorte na casa. Un equipo con gol e que encadea dúas saídas consecutivas con vitoria, unha cifra que repetiron nas dúas últimas citas a domicilio da pasada campaña e que superaron entre febreiro e abril encadeando cinco triunfos lonxe do Viso, unha gran xeira que buscarán nesta Terceira división e que pasa polo Vero Boquete. 
E imos á pasada fin de semana. O Compos superou ao Racing Vilalbés na Magdalena nun partido sen ritmo, moi espeso e lento no que, xa no segundo tempo, Samu, cun disparo dende 35 metros, e Primo, que se estreou da mellor maneira posible, anotaron os goles do triunfo. Mentres que o Arzúa, no Viso, non foi quen de bater a un Alondras que se adiantaría ben cedo. Iker Hurtado igualaría o marcador tamén no primeiro tempo pero os cangueses porían o 1-4 no luminoso. Non obstante, os locais non quixeron baixar os brazos e, noutras dúas xogadas a balón parado, chegarían outros dous tantos do dianteiro arzuán asinando o 3-4 final. 

Sen partido oficial. 
Compos e Arzúa non se mediron en partido oficial aínda mentres que si o fixeron, no Viso, en pretempada alá polo ano 2014. Un amigable onde o Compos saltou ao terreo de xogo cun equipo formado por moitos xogadores da base e no que os homes de Iñaki Alonso chegaron a ir perdendo por dous goles de diferenza ao tempo de lecer. Sería Manu Rodríguez quen, xa sen tempo, asinaría o único gol dos nosos a falta de pouco tempo para arrincar unha tempada na Segunda B que remataría moi preto da gloria.

O avó volve á casa.
Se Iker Hurtado é o que marca os goles no Arzúa, Álvaro é o que move o equipo dende a zona de creación. O de Touro comezou hai uns trinta anos nas filas do Compos, na base, e agora, a piques de cumprir 40 anos, segue a dar leccións de fútbol na Terceira división. Un xogador que pasou a xogar nas filas do primeiro equipo da Esedé, co que asinou o ascenso á Segunda división en 2002 e na que seguiría logo de saír do Compos en 2003 rumbo a Xixón.
Sporting, Leganés, Marino de Luanco, Sanse, Lalín, Santa Comba, Órdenes, Negreira e agora Arzúa disfrutaron tamén do seu fútbol, dun gran xogador con moi bo pé a balón parado e que na súa quinta tempada no cadro arzuán segue a demostrar que a idade non é máis que un número, mantendo moito fútbol nas súas botas.

Baleato, apercibido. 
No capítulo de baixas, unha xa habitual. Sergio Pereira, que podería estar preto de volver, apunta a baixa unha semana máis mentres que Hugo Sanmartín, que non puido estar en Vilalba por molestias, semella que podería estar ás ordes do adestrador branquiazul. Por outro lado, mirando xa cara a visita ao Paiosaco, Baleato xogará apercibido de sanción por segunda fin de semana consecutiva logo de ver o cuarto fronte ao Silva. 

Auga e fútbol. 
Un novo domingo de chuvia, feito que agardemos non empeore o estado do campo, e bo fútbol no Vero Boquete. Unha cita que dará comezo na capital galega ás 17 horas e na que se agarda a chegada de seareiros do conxunto arzuán. As entradas, xa dispoñibles na web branquiazul para quen as queira adquirir de xeito anticipado, terán un prezo de 10 euros mentres que aboados e menores de idade poden acceder de balde. 
Para quen, por contra, non poida asistir, o partido poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube así como escoitarse a través de 'Esedé Radio', na web do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario