Logo da derrota fronte ao combinado galego amateur por parte dos nosos, volvemos ao serio e duro. Un novo partido oficial, no que Yago Iglesias xa non fará máis probaturas, nun campo do que xa sabemos da gran dificultade malia non pasar o Paiosaco por un bo momento. Un partido que terá que servir, sobre todo, para recuperar as boas sensacións lonxe do Vero Boquete, onde o xogo non é tan vistoso.
O gol, sinónimo de puntos.
Só dúas vitorias, sendo un dos tres equipos con menos triunfos no que vai de tempada, deixan en mal lugar a un Paiosaco que non é quen de ocupar un dos postos dunha zona que esta tempada non asegura para nada a tranquilidade, con só cinco puntos de diferenza entre o sétimo clasificado, o Alondras, e o décimo sétimo, o Bergantiños. Tal é dita igualdade na zona baixa que os laracheses están a só dos puntos deses postos que darían a permanencia.
Con 11 puntos asinados no que vai de curso, os de Juan Riveiro só foron quen de superar a Racing Vilalbés e Pontellas. Por outro lado, cinco empates repetíndose sempre o mesmo resultado: 1-1. A parte, seis derrotas nas que os verdibrancos nunca foron quen de anotar ningún gol. Tal é así que a cifra de goles a favor é tan baixa para un equipo que quedou sen marcar na metade dos seus partidos que con 11 tantos sitúanse no penúltimo posto nunha hipotética clasificación no grupo. Por outro lado, encaixaron un total de 21 goles encaixando duras goleadas como as recibidas fronte a Arzúa, por tres goles de diferenza, ou Arosa, onde foron catro os tantos recibidos.
Na Porta Santa, un campo sempre complicado, caeu o Racing Vilalbés malia chegar con empate ao tempo de lecer. Outros que tampouco foron quen de sacar os tres puntos son a UD Ourense e o Arenteiro conseguindo un empate no treito final fronte aos do Carballiño. A parte, derrotas contra As Pontes e Choco por dous goles de diferenza e Arosa por 0-4.
Nun equipo con pouco gol, hai que destacar a figura de Pablo. O lateral esquerdo de Ponferrada suma a súa quinta tempada nas filas do Paiosaco e apunta a indiscutible por segunda tempada. Ademais, pasa por un bo estado de forma sen pasar desapercibido polo seleccionador galego amateur, sendo un dos convocados para preparar a Copa de Rexións da UEFA.
Dificultades lonxe da casa.
Se no Vero Boquete non hai quen lle faga sombra ao Compos, a domicilio as cousas son un tanto diferentes. E é que malia comezar cun triunfo de autoridade no Morrazo, chegou a primeira caída do curso nas Eiroas. Dita derrota foi sucedida por outro triunfo en Bouzas e, logo, dúas saídas sen gañar nin marcar, en Ourense e As Pontes.
Non obstante, superando as adversidades climatolóxicas en Vilalba, os tres puntos volveron cara Santiago con goles de Samu, autor dun dos mellores tantos da xornada cun disparo potente dende 35 metros, e o primeiro gol de Primo dende a súa volta ao clube branquiazul, na que foi unha estrea inmellorable con gol e vitoria. Unha vitoria moi importante e que serviu para recortar distancias con respecto ao primeiro posto.
Que bo que volviches!
Dous partidos, ningún completo, e catro goles. A volta de Primo á Esedé serviu para completar ao equipo máis forte do grupo e que, a día de hoxe, non parece ter rival en canto a plantel, sendo aínda máis favorito para ser campión de liga. O dianteiro cántabro, que se estreou con gol fronte ao Racing Vilalbés, na primeira vitoria branquiazul da historia na Magdalena, foi unha peza fundamental na histórica visita do Arzúa ao Vero Boquete. Tres goles no seu segundo 'hat-trick' coa elástica branquiazul que serviron para deixar os tres puntos e manter o pleno na casa.
Algo menos de sorte tivo o Paiosaco no Morrazo. Despois de sacar un punto na visita do Arenteiro á Porta Santa, conseguiron igualar o marcador logo dun gol de Luismi no primeiro tempo. Josiño, autor do gol larachés, foi o único capaz de bater a Ayoub supoñendo o segundo empate consecutivo dos homes de Juan Riveiro.
Un campo complicado.
Dúas veces visitou o Compos a Porta Santa en cuestión de algo máis dun ano cun bagaxe positivo para os nosos. Un triunfo en liga e un empate, con posterior vitoria dende os once metros, na Copa RFEF este mesmo verán.
Comezamos co pasado o curso anterior na liga. Un Compos líder despois de catro xornadas chegaba a Paiosaco coa intención de manter o paso firme. E logo dun primeiro tempo sen goles, Álvaro Casas, Santi e Alex Ares, por partida dobre, asinaron os tantos dun triunfo maquillado por Otero, autor do único tanto local.
Non obstante, máis igualado foi o enfrontamento deste verán na Copa RFEF. Un partido onde se adiantaron os homes de Emilio Riveiro grazas a un gol de Eiroa no treito final do primeiro tempo e no que Josiño empatou con aínda media hora por diante na que ningún equipo puido evitar a quenda de penaltis. Dende os once metros, Rodri, Baleato, Casas e Pablo Antas non perdoaron asinando o pase á Final da fase galega do torneo.
Miki e Samu, baixas.
Logo do partido do pasado mércores, no que os nosos perderon por goleada contra o combinado galego, Hugo Sanmartín segue sen estar dispoñible para os plans de Yago Iglesias. Ademais, tampouco participaron xogadores coma Miki e Samu, convocados polo cadro nacional, nin Jimmy. Por outro lado, pensando no enfrontamento ante o Arosa, Baleato contará, unha semana máis, con catro cartóns amarelos. A parte boa é a posible volta de Sergio Pereira despois de varias semanas de ausencia.
O horario habitual.
Como xa ven sendo habitual, e así será nas vindeiras semanas, o partido será o domingo ás 17 horas. Un duro encontro para o que as entradas terán un prezo de 10 euros para todos aqueles que queiran desprazarse dende Santiago.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá seguirse o partido a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario