O Compos sumou a sétima vitoria consecutiva na casa diante dun Casino Sociedade Deportiva Arzúa que, malia defenderse ben, pouco ou nada puido facer contra Primo. O dianteiro cántabro volveu á casa anotando o seu segundo 'hat-trick' coa elástica branquiazul, primeiro que consegue no Vero Boquete, e firmando unha actuación digna dos máis grandes. Hai que destacar tamén o gran ambiente que se viviu nas bancadas, cunha gran chegada de afeccionados rivais para un partido histórico.
Control total.
O primeiro tempo arrincou como xa se agardaba. O Arzúa xuntou liñas en defensa e buscou evitar o perigo polas bandas por parte dun Compos que non tivo ningún problema para facerse coa posesión da pelota. O que faltou foi, de novo, crear ocasións de perigo co que traducir esa superioridade sobre o verde en goles. Tal foi así que o primeiro susto para os arzuáns chegou nunha cesión ao gardameta que non puideron transformar no primeiro tanto da tarde os nosos cun libre indirecto que petou na barreira.
Pouco a pouco, a superioridade foi en aumento. Non obstante, dende as bandas non se atopaban rematadores para os centros á área chegando, en dous corners, as mellores oportunidades de gol para os nosos nos primeiros corenta minutos, xa case dando a pensar que todo se decidiría no segundo tempo. Foi así, nunha desas xogadas a balón parado, como chegou a xogada polémica do encontro, cun gol anulado a Soto por fóra de xogo logo dun rexeite.
Dita superioridade mantívose tamén durante os segundo corenta e cinco minutos, xa co marcador a favor dos nosos, sendo incapaz o Arzúa de poñer en problemas a un Pato que pechou a súa cuarta xornada consecutiva sen encaixar ningún gol.
Chegar e encher.
Debutou na Magdalena e anotou o segundo gol da tarde nunha vitoria para a historia. Primo tiña a difícil misión de transformar todas as oportunidades perdoadas polos nosos e se non fallou en Vilalba menos sería no seu regreso ao Vero Boquete case ano e medio despois daquel encontro diante do Salmantino.
Moi activo dende o arrinque do encontro, quixo deixar ben claro que este tempo fóra dos terreos de xogo, dende que rematou a liga islandesa e ata que puido volver xogar co Compos, non esqueceu como se marcan goles. Neste caso precisou algo máis de corenta minutos para aproveitar a saída do porteiro e picar a pelota directa ao fondo das redes. Un gran gol que non sería máis que o primeiro do que xa é o segundo máximo goleador do equipo en só dous partidos.
Atopado o camiño ao gol, foron tres minutos os que precisou no segundo tempo para transformar unha boa asistencia de Miki. Un gol que chegou logo dun caneo sutil ao porteiro e posterior disparo a porta baleira con potencia.
Pero o anterior non sería todo. O segundo tempo baixou bastante o ritmo cun Compos xa máis tranquilo. Aínda así, Pablo Antas tivo, cunha falta directa, o terceiro mandando o esférico directo á madeira e Primo pecharía o seu 'hat-trick' e a conta cun gol cómodo a pase de Saro.
Un triunfo máis, e van xa tres consecutivos, que mantén ao Compos segundo na táboa con só un punto menos que o Ourense CF nunha xornada na que non fallaron os catro primeiros, abrindo máis distancia sobre os perseguidores. E agora hai que pensar xa no partido contra o Paiosaco do vindeiro domingo cunha cita o mércores de preparación contra o combinado galego que pelexará dentro de tres semanas na primeira fase da Copa de Rexións da UEFA.

Ningún comentario:
Publicar un comentario